CONVERSA POR TELéFONO

Sánchez e Iglesias coinciden en que é “urxente” formar goberno e pór fin ao executivo de Rajoy

Sánchez e Iglesias, nunha imaxe de arquivo

Os líderes de PSOE e Podemos dialogaron telefonicamente durante uns 30 minutos. Acordaron unha xuntanza a vindeira cuarta feira para desbloquear as negociacións.

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias mantiveron esta cuarta feira unha conversa telefónica “cordial” e por espazo duns 30 minutos na que ambos os dous coincidiron, segundo fontes dos 2 partidos, en que é “urxente” formar goberno e poñer fin ao mandato de Mariano Rajoy. Os líderes do PSOE e Podemos constataron a súa “plena vontade” de retomar o diálogo para desbloquear as negociacións, por iso marcaron unha xuntanza para a vindeira cuarta feira.

A chamada realizouse a iniciativa do secretario xeral socialista, após porse de acordo con Iglesias a través de mensaxes. Segundo o comunicado, na conversa atoparon “moitos puntos en común”, en materia constitucional, fiscal ou laboral. Ora ben, Sánchez defendeu a “vixencia” do acordo atinxido polo PSOE con Ciudadanos, mentres que Pablo Iglesias volveu insistir nun goberno “á valenciana”, integrada por formacións de esquerdas.

“En calquer caso, hai respecto mutuo polas visións respectivas e en ningún caso impiden o diálogo e a nosa firme vontade de evitar novas eleccións e atinxir un goberno de cambio e estábel”.