Homs pide ao PSOE que lidere unha alternativa

Sánchez sitúa o listón da investidura de Rajoy nos 176 escanos

Enléase o taboleiro e afástase a hipótese de Rajoy reter a Moncloa. Sánchez reuniuse esta cuarta feira con el e deixou unha frase: para pasar dos 137 escanos do que dispón Rajoy aos 176 da maioría absoluta precisa de convencer os seus "aliados potenciais", entre os cales non estaría o PSOE.

Sánchez reafirmou a decisión do Comité Federal do PSOE do pasado sábado, isto é, o partido socialista votará non á investidura de Rajoy. Se se levar ás últimas consecuencias esa determinación, se se manter nunha primeira ou sucesivas sesións de investidura, Rajoy nunca podería alcanzar a maioría absoluta, os 176 escanos que precisa, a non ser que contase co apoio dos soberanistas catalás, algo politicamente imposíbel.

Após unha reunión con Rajoy de hora e cuarto, Sánchez compareceu esta cuarta feira perante a imprensa coa presión engadida de saber que Cs se irá abster na segunda sesión da investidura (na primeira votarían que non). O partido de Rajoy tenta así trasladar toda a presión ao PSOE. O secretario xeral do PSOE tentou safar co argumento de que a investidura e a gobernabilidade posterior deben ir unidas, e que non se pode gobernar o Estado con apenas 137 votos afirmativos. Ningún goberno sería viábel en minoría, non habería votos para aprobar orzamentos, etc, argumentou.

Para conformar unha maioría, dixo, o PP debe convencer "os seus aliados potenciais, entre os cales non está o PSOE". E a maioría, enfatizouno, son 176 escanos, non menos, o que significa que en ningún caso Sánchez contempla a hipótese de o PSOE vir a se abster para facilitar o acceso de Rajoy a Moncloa.

Homs: "A opción de Sánchez encabezar unha minoría é moi difícil, mais as outras son imposíbeis"

Significa isto que Sánchez aceptaría o reto de tentar de novo a investidura, empresa na que fracasou após o 20D? Aparentemente si, a xulgar polas súas palabras: "Nós somos a alternativa, o PSOE sempre estará na solución e imos facer todo o posíbel para que haxa goberno".

Mentres tanto, o portavoz do Partit Demòcrata Catalá no Congreso, Françesc Homs, que esta terza feira mantivo unha reunión reservada con Rajoy, mostrou a súa convicción de que non se dan as condicións políticas para o PP manter a chave da Moncloa, e nese sentido demandou ao PSOE que procure a conformación dunha maioría alternativa.

"A opción de Sánchez encabezar unha minoría é moi difícil, mais as outras son imposíbeis", veu dicer, antes de admitir como moi probábel o escenario dunhas terceiras eleccións.