Todo negociábel, menos o dereito a decidir

Sánchez tentará unha nova investidura cun acordo tripartito con Podemos e Cs

Sánchez explora a hipótese dunha nova investidura, a terceira desde o 20D pasado, visando desbloquear a situación política que decorre dun Parlamento pendurado. Apesar das fortes resistencias da federación andaluza, o secretario xeral do PSOE quer posíbel un acordo in extremis con Podemos e Ciudadanos exclusivamente limitado á investidura.

Segundo avanzou esta cuarta feira a SER, a idea de Sánchez é conseguir os votos afirmativos de Cs e Podemos, obter a investidura, desbloquear a situación e, a seguir, conformar un goberno do PSOE en solitario. Durante a lexislatura ese executivo tería apenas 85 escanos na Cámara -o que o constituiría no goberno parlamentarmente máis fráxil da historia do réxime do 78-, o que o obrigaría a pactar todas as leis no Congreso.

As hipóteses de un acordo tripartito se materializar son moi exiguas. Existe unha incompatibilidade de fondo manifesta entre Cs e Podemos, nomeadamente en política económica e na cuestión territorial. Tamén hai fendas dificilmente salvábeis entre o PSOE e o partido de Iglesias. García Page, un dos baróns do PSOE, dixo esta segunda feira que non poría a proa a un acordo coa formación morada, mais sempre que ficase de lado o referendo de Catalunya. Nen PSOE nen Ciudadanos están dispostos neste momento a asumir o dereito a decidir do pobo catalán.

Nen PSOE nen Ciudadanos están dispostos neste momento a asumir o dereito a decidir do pobo catalán

En realidade, a estratexia de Ferraz pasa por chegar a un acordo bilateral con Podemos e a seguir -ao comprobar que o voto afirmativo de Cs é imposíbel- negociar unha abstención co partido laranxa. Que obtería Rivera a cambio? Basicamente dúas cousas, contribuír á saída do labirinto en que se acha a política estatal desde o 20D e evitar unhas terceiras eleccións de moi dubidoso resultado para a súa formación política.

O PSOE procuraría tamén engadir ao acordo os escanos de PNV (5) e Coalición Canaria (1). Sumarían, cos de Podemos e as confluencias, 162. En contra estarían os 137 do PP e tal vez os das formacións soberanistas catalás (9 de ERC, 8 do PDC), para as cais o voto afirmativo pasa pola asunción do referendo. O cadro resultante sería, en todo caso, matematicamente favorábel para a investidura de Sánchez.

A tese do secretario xeral do PSOE é que o que el denomina as forzas do cambio teñen maioría na Cámara. O argumento perdeu consistencia desde o instante en que Rivera asinou a investidura de Rajoy, o que desminte a súa condición de partido da mudanza. Na Galiza Cs tamén se está a situar como un satélite do PP e non como unha marca centrista con capacidade para pactar a direita ou a esquerda.

O PSOE premerá en Cs coa apelación a que se absteña para desbloquear o taboleiro e conxurar o espectro duns terceiros comicios

O PSOE premerá en Cs coa apelación a que se absteña para desbloquear o taboleiro e conxurar o espectro duns terceiros comicios que a opinión pública, segundo todos os inquéritos, non desexan.

En todo caso, o secretario xeral do PSOE toma a iniciativa e volta a se colocar como a única alternativa viábel a Rajoy, algo que agarda rentabilizar o 25S quer nas urnas galegas (onde se disputa con En Marea a condición de segunda forza) quer nas vascas (onde o PSE, de ter un bon resultado, podería ser chave de gobernabilidade e até aspirar a entrar nun bipartito co PNV).

Se finalmente a terceira investidura for outravolta falida, Sánchez podería ir ás eleccións co escudo de que el fixo todo o posíbel por evitar uns novos comiciose que outros son -Cs ou Podemos- os responsábeis do non acordo.