'Señor Feijóo, que?'

Francisco Jorquera
A pergunta total de Lolo Gantes resoou no Parlamento galego pronunciada polo portavoz do BNG, Francisco Jorquera. O nacionalista interpelou o presidente da Xunta de Galiza e exixiulle asumir responsabilidades perante os numerosos casos de corrupción que afectan o seu partido en Galiza. Porén, Alberto Núñez Feijóo eludiu máis unha vez responder esta e outras preguntas formuladas polos grupos da oposición. Cando se cumpren 100 días da segunda vitoria electoral de Feijóo, Jorquera lembroulle que non comparece en pleno desde Xullo de 2010.

 

O mítico xornalista coruñés Lolo Gantes, que infelizmente faleceu nun accidente de tránsito, inquiría hai ben anos a Arsenio Iglesias cunha das preguntas máis memorábeis da historia que esta cuarta feira volveu ser pronunciada na Cámara galega. "Señor Feijóo, que?", ironizaba o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera perante a actitude do presidente da Xunta de Galiza que, máis unha vez, eludía responder ás preguntas da oposición e enzoufaba o debate cunha morea de cifras coas que procuraba xustificar a súa xestión económica e política.

Feijóo: "Como presidente e como galego avergóñame que pacten con Bildu"

A corrupción, o desemprego xuvenil e a parálise política de Galiza centraron as preguntas orais ao presidente de Galiza. Como acostuma, Alberto Núñez Feijóo fuxiu de dar resposta ás portavocías de BNG, AGE e PSdG enleándose nos dados comparados e nas acusacións ás demais forzas políticas. "Desconcértame a súa pregunta por vir de vostede", "debería ler vostede" ou "deixen gobernar aos que gañan". Así respondeu o líder do executivo galego ás cuestións achegadas polos grupos da oposición que denunciaron a actitude do presidente galego e as súas ansias en se "promocionar como sucesor" de Mariano Rajoy en Madrid.

A viaxe de Feijóo á capital española para se reunir co líder popular ocupou un espazo relevante nas interpelacións de PSdeG e BNG. Pachi Vázquez mesmo lle lembrou as palabras do seu vice-presidente, Alfonso Rueda. cando aseguraba que "para voltar cos petos baleiros é mellor quedar na casa". Porén, foron os vínculos entre a contabilidade en B do PP e a trama Gürtel --que pasan polo PPdeG-- os que enrubiaron a un Núñez Feijóo que non desmentiu os informes policiais e optou polo silencio como resposta.