Sentan as bases en Vigo para constituír un Comité Cidadán por un Plan B na Europa.

Realizarase unha Asemblea aberta a movementos e colectivos, así como a persoas a nivel individual.

A comezos de marzo decorreu un encontro en Vigo dun grupo de persoas que acordou dar os pasos necesarios para constituír un Comité cidadán por un Plan B na Europa, na liña da iniciativa que está a se estender por Europa e cuxo rostro máis visíbel e coñecido é o do ex-ministro grego Vareoufakis. Na xuntanza na cidade olívica decidiuse convocar unha asemblea aberta “a todos os movementos sociais, organizacións sindicais, forzas políticas e cidadás individuais para constituír un Comité Cidadán por un Plan B na Europa”. Será o vindeiro 16 de marzo no Café Catro a Catro a partir das 20:15 horas. Tamén acordaron organizar unhas xornadas de debate para analizarmos as alternativas á Europa da Austeridade antisocial”.

Ademais, traballan para se sumar á gran mobilización que o 28 de maio vai ter lugar en Europa unha “mobilización europea por un Plan B na Europa”. No manifesto, sinalan que “a política de austeridade imposta pola Troika está a destruír as vidas de millóns de persoas, esmagadas polo paro, a precariedade, a privatización dos servizos públicos básicos e a liquidación do dereito laboral”.

Frionte a iso, prosegue o comunicado, “Nós, cidadás e cidadáns, viguesas e galegas, rebelámonos contra esa Europa neoliberal que pon os dereitos do capital financeiro e das grandes corporacións por riba da vida boa e digna dos seres humanos. Por iso nos constituiremos en Comité Cidadán por un Plan B na Europa”.