MONTSE PRADO (BNG)

"O Sergas converteu as listas de agarda en sacos de almacenamento de doentes"

Montse Prado [Imaxe BNG]

O BNG estima nun 60% máis o número de persoas que compoñen estas listaxes fronte aos dados fornecidos pola Xunta.

Fronte ás 37.442 persoas que, segundo o Sergas, compoñen as listaxes de agarda na Galiza a deputada do BNG, Montse Prado, asegura que a cifra real pode situarse "perto de cen mil". Así o sinalou esta quinta feira en comparecencia de imprensa achegando documentación á que accedeu a organización frontista e que evidencia, din, unha desviación do 60%. 

Na EOXI-Verín as cifras reais sitúan en 7.859 as persoas en listaxe de agarda embora o Sergas falar de 3.215 doentes

"O Sergas converteu as listas de agarda en sacos de almacenamento de pacientes", denunciou a parlamentar nacionalista. Para formular estas afirmacións o BNG aplicou a porcentaxe descuberta na EOXI de Verín na que, segundo o Sergas, 3.215 doentes compoñen a listaxe de agarda cunha media de 43 días. Porén, as cifras da propia EOXI sitúan en 7.859 as persoas agardando, das que 803 levan máis dun ano. 

Extrapolando estes dados ao conxunto do país, denuncian desde o BNG, as áreas sanitarias galegas ultrapasarían as 90.000 persoas en listaxe de agarda, "perto das 100 mil persoas". 

"O Sergas facilita unhas listaxes que son un auténtico engano"

"Temos a verificación de que o Sergas facilita unhas listaxes que son un auténtico engano", asegurou Montse Prado, "converteu as listas en sacos de almacenamento de doentes", acrecentou. 

Neste senso, aseguran que o PP desenvolve "mecanismos" para excluír das listaxes de agarda aquelas persoas que rexeitan ser atendidas nun centro privado ou que non poden asumir ser chamadas "dun día para outro", por exemplo, para se someteren a operacións cirúrxicas. "Ou o tomar ou o deixas", lamentou a deputada.