Servizo de proximidade, máis conexións e frecuencias; as propostas de Pontón para o tren galego

Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Noa Presas na estación de Compostela (Foto: Arxina)

O BNG propón crear o ‘Galtren’ como instrumento para a xestión do transporte ferroviario e terá como prioridade de goberno vertebrar por tren o interior. 

“A próxima lexislatura ten que ser a lexislatura do tren en Galiza”. Baixo esta premisa, a candidata á Presidencia da Xunta da Galiza do BNG, Ana Pontón, presentou diante da estación de ferrocarril en Compostela as principais liñas do programa de goberno do nacionalismo nesta materia, indicando que o tren é o medio de transporte “asostíbel” polo que aposta decididamente para a mobilidade, tanto de persoas como de mercadorías.

Pontón avanzou que o Goberno que aspira a presidir exercerá todas as competencias na materia para mellorar o transporte por tren para o que, en primeiro lugar, anunciou a creación do ente ferroviario galego Galtren, como instrumento que permita “exercer as competencias que temos recoñecidas no noso Estatuto”.

O obxectivo é dar aos galegos e ás galegas a posibilidade dun tren do século  XXI, “mellorando conexións, frecuencias e horarios”, e tamén utilizar o tren como medio para “articular e vertebrar o territorio conectando vilas e cidades”. En definitiva, “que tamén utilicemos o autogoberno deste país para desenvolver o ferrocarril”, resumiu.

Proximidade

A líder nacionalista tamén explicou a aposta do BNG por un tren de proximidade, denunciando que hoxe Galiza é un dos poucos territorios que non teñen este servizo. Neste sentido, recordou que a “implantación das proximidades” na Galiza é un dos acordos acadados polo BNG no pacto de investidura, dando prioridade ás áreas urbanas máis desenvolvidas, de tal xeito que en catro anos, -é dicir, na lexislatura-, o obxectivo é que  haxa tren de proximidade entre A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, cunha poboación que supera as 900.000 persoas. En todo avanzou que o Bloque quere estender “ao conxunto do País”.

Pontón avogou por mellorar as frecuencias e os horarios actuais, dadas as deficiencias que sofren os usuarios e as usuarias, para o que comprometeu abrir unha negociación co Estado, negociación que, segundo dixo, cómpre desenvolver tamén para ampliar a rede ferroviaria galega.

Nesta liña, a candidata nacionalista márcase como un dos obxectivos prioritarios que todas as cidades galegas estean conectadas con servizos “que nos permitan ter unha mobilidade rápida” e “suplir a carencia que ten Lugo” dotando á cidade dunha conexión directa con Santiago de Compostela, o que considerou clave para a capital lucense “pero tamén para todo o interior do País”.

 Mercadorías

Tamén o transporte de mercadorías ten importancia no deseño do ferrocarril, polo que apuntou como prioridade dun goberno BNG o impulso do Corredor Atlántico, unha infraestrutura que considerou fundamental para incrementar a “competitividade das nosas empresas” e para situar Galiza nas redes transeuropeas de transporte.    

Para explicar as súas, Pontón, a candidata por Ourense, Noa Presas, e o seu equipo subiron ao tren das 10:20 horas para realizar a viaxe até a cidade de As Burgas. Nesta experiencia en primeira persoa tiñan intención de atoparse con eles a cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, e o seu número dous, Dani Castro, pero quedaron 'tirados' en Monforte de Lemos, tras unha avaría na liña en Oural, en Sarria (precisamente á beira da casa natal da candidata do BNG) e esperar máis dunha hora, como eles mesmos narraron nas redes sociais.

"Realmente para nós foi efectivamente unha odisea, pero o peor é toda a xente que viña co tren, que chegaba tarde ao traballo e non era a primeira vez que ocorría. Vivimos de primeira man a falta de servizos do transporte do século XXI, do que Lugo non pode quedar illado", manifestou Olalla Rodil, despois de saír, xunto a Dani Castro, ás 9 horas de Lugo e aínda estar en Ourense a sobre as 11 horas coa perspectiva de poder chegar á capital termal pasado o mediodía.

Por outra parte, e a preguntas da prensa, Pontón fixo unha valoración do debate electoral na TVG, do que dixo evidenciou a un candidato do PP “sen proxecto que defender” e sen ilusión co país, fronte a un BNG cun proxecto “que confía en todo o noso potencial e na capacidade do País”.

Pontón tamén instou a Rueda a “rectificar” e acudir ao debate de TVE que decorrerá a semana que vén, “porque os debates non son un capricho dos candidatos, son un dereito da cidadanía”.