Unha sesión de control ao presidente con aires de primeiro mitin de pre-campaña

[Imaxe: Lavandeira] Feijóo

Feijóo presume de xestión nestes anos fronte as críticas da oposición pola súa “indolencia” e “incapacidade” para facer fronte aos problemas de Galiza, como o demográfico ou a fenda na converxencia con Europa.

Asistimos esta cuarta feira na sesión de control no Parlamento de Galiza ao presidente da Xunta ao que quizás foi o primeiro mitin de pre-campaña de Núñez Feijóo. Malia os constantes díxomes-díxomes destas semanas sobre se repetirá ou non como candidato [algo que el propio insinuou que desvelará este sábado], as pezas semellan colocadas sobre o taboeiro para que o actual inquilino de Monte Pío dea o Si. Unha desas pezas foi a intervención na sesión de control, que tivo moito de defensa da súa xestión nestes sete anos. A oposición puxo sobre a mesa cuestións delicadas para o presidente: desde a fenda económica que se alargou preocupantemente nestes anos entre Galiza e a UE até a crise demográfica que vive o país, pasando polo desemprego ou mesmo as súas fotografías co narcotraficante Marcial Dorado. Non semellaron preocupar a Feijóo, que realizou unha intervención na que que defendeu a súa xestión destes anos (“Este goberno é eficaz, dos máis eficaces do Estado”). Mais tamén tivo momentos de 'ir ao nocello' do contrincante: a AGE mentádolles o Beiras “líder carismático” que non vai ao Parlamento, e ao BNG cun “comprendo que a vostedes falar de España lles produce urticaria”.

“A súa falla de liderazgo como presidente deste país agravou as conseceucnias da crise” (Francisco Jorquera)

O portavoz do BNG na Cámara, Francisco Jorquera, inqueriu o presidente sobre o alargamento da fenda na converxencia de Galiza non só con Europa, mais tamén co Estado español. Mentres os cálculos do goberno Feijóo era que Galiza avanzase 5 puntos na converxencia coa UE, os datos do Eurostat amosan que retrocedeu 9. “A súa falla de liderazgo como presidente deste país agravou a crise”, reprochoulle Jorquera. Feijóo respondeulle cun “parece que vostede non é español”, para asegurar que o Estado español retrocedera máis ca Galiza na converxencia coa UE. “Somos españois, como vostede”, insistía Feijóo referíndose a Jorquera, que lle retrucaba que Galiza perdía peso a respeito da UE mais tamén a respeito do Estado. “Por que cre que marcha a xente de Galiza? Por deporte?”, preguntoulle o voceiro nacionalista.

“A súa principal cualidade política é que non se ruboriza cando minte” (Antón Sánchez)

Demografía

A emigración foi outra das cuestións sobre a mesa. Antón Sánchez, de AGE, acusou o PP de “expulsar a mocidade” de Galiza coas súas políticas e atacou a Feijóo por, afirmou, mentir nas súas respostas. “A súa principal cualidade política é que non se ruboriza cando minte”. O presidente da Xunta reduciu o problema demográfico a que “morren máis dos que nacen”, mentres desde AGE reprochábanlle que esquecese as ducias de miles que emigraron, así como que non activase medidas para reverter a acusada tendencia ao avellentamento da poboación.

“Vostede vólvese presentar por falta doutas alternativas” (Méndez Romeu)


Méndez Romeu indicou que Feijóo seguramente repita, mais que dará ese paso “porque os seus pecháronlle” todas as outras portas. “Vaise presentar por falta doutras alternativas”, díxolle o portavoz do PSdeG no Parlamento. Feijóo dixo que os galegos déronlle 2 maiorías absolutas e que serásn os galegos “os que decidirán” novamente. A súa intervención afondou nos “logros” destes anos para rematar cun “garantimos o autogoberno nestes 7 anos de recisión” que soou a eslógan.