O Estado recada na Galiza en impostos 13.974 millóns mais só reintegra 8.892 millóns de euros

O sistema de financiamento fixo perder a Galiza 5.082 millóns de euros en 2021. (Imaxe: Nós Diario)

O sistema de financiamento está a centrar o debate político. Nesta ocasión, chega da man do proceso de investidura aberto en Catalunya e cando o modelo vixente leva dez anos prorrogado. Galiza perdeu co mesmo 5.082 millóns no último ano liquidado polo Ministerio de Facenda.

 

O acordo alcanzado polo Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC), filial catalá do PSOE, e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) sitúa no primeiro plano político o debate sobre o sistema de financiamento. A proposta, ratificada pola militancia da formación republicana nun referendo interno e avalada pola dirección estatal do PSOE e o seu secretario xeral, Pedro Sánchez, recolle a saída de Catalunya do denominado réxime común do sistema de financiamento e a recadación por parte do Goberno catalán de todos os tributos xerados nese país.

O modelo pactado camiña en liña co definido no proxecto de Estatuto catalán aprobado polo Parlament de Catalunya en 2005 e posteriormente modificado polo Congreso español en 2006. Ao tempo, é coherente coa alternativa recollida na Lei 7/2007 de 17 de xullo de creación da Axencia Tributaria de Catalunya e coa proposta de pacto fiscal ofrecida polo mandatario catalán Artur Mas en setembro de 2012 ao daquela presidente español Mariano Raxoi. Nesta orientación, o acordo asinado en novembro de 2023 entre Junts per Catalunya e o PSOE para investir Pedro Sánchez recollía a cesión da xestión de todos os tributos de Catalunya.

A insatisfacción da sociedade catalá co modelo de financiamento vén de atrás. A liquidación do sistema de financiamento de 2021, o último divulgado, sinala que o total dos impostos soportados pola cidadanía catalá nesa anualidade ascenderon a 52.723 millóns, mais o Estado só reintegrou a Catalunya 25.616 millóns, ficando o Executivo estatal con 27.108 millóns procedentes dos tributos recadados entre a poboación catalá. Nesta liña, o Goberno catalán apunta que “cos últimos datos dispoñíbeis de 2021, o déficit fiscal de Catalunya sitúase por encima da media e supón o 9,6% do Produto Interior Bruto catalán”.

Galiza é outra das comunidades que perde co actual sistema de financiamento, aprobado en 2009 e prorrogado desde 2014. A este respecto, a liquidación do modelo de financiamento de 2021 certifica un saldo neto negativo para a Galiza nas súas relacións co Estado de 5.082 millóns de euros. Segundo explica o economista e presidente da Comisión de Economía do Parlamento da Galiza na V lexislatura, Xosé Díaz, no seu traballo Os resultados da liquidación do réxime común ou das “rexións” en 2021, o Estado recadou en impostos no país nesa anualidade un mínimo de 13.974 millóns, mais só reintegrou 8.892 millóns.

As diferenzas entre a contribución de Catalunya e Galiza ao sistema de financiamento están determinadas pola maior poboación do primeiro país, case o triplo do segundo, cun PIB superior de Catalunya que representa o 19% do total do Estado fronte ao 5,2% galego, e a un menor impacto do efecto sede en Catalunya. Porén, as dúas nacións aparecen como aportadoras netas ás contas estatais, non dependendo das achegas da denominada caixa común para garantir a prestación dos diversos servizos públicos e das súas competencias. Precisamente, o sistema de financiamento vixente virou nun problema para o mantemento dos piares do modelo de benestar.

Os servizos públicos galegos, ameazados

A práctica totalidade dos estudos elaborados en Catalunya e na Galiza coinciden en sinalar que o actual modelo de financiamento compromete a prestación dos servizos públicos fundamentais, isto é da sanidade, educación e servizos sociais. Neste punto, o documento presentado en marzo deste ano polo Goberno catalán baixo o título Financiamento singular. Unha proposta de financiamento xusto para Catalunya recolle que “esta magnitude do déficit fiscal tan elevada impide poder mellorar a prestación de servizos públicos en Catalunya, como a saúde, a educación ou os servizos sociais e poder achegar o seu nivel ao de países europeos”.

A situación é aínda peor na Galiza. Neste sentido, o Consello de Contas, nun informe presentado en maio de 2024, conclúe que o sistema de financiamento xerou de media, entre 2009 e 2021, aos servizos públicos galegos un déficit anual de 1.535 millóns de euros. A este respecto, os datos procedentes da liquidación do sistema de financiamento de 2021 certifican que a Xunta da Galiza destinou nesa anualidade 8.336 millóns para financiar a sanidade, a educación e os servizos sociais, mais o Estado só transferiu á Galiza 6.268 millóns para sufragar a súa prestación, xerando un furado nas arcas galegas de 2.702 millóns.

Un sistema centralista

O sistema fiscal español caracterízase polo seu centralismo. Segundo as cifras procedentes da liquidación do sistema de financiamento, o Goberno catalán só recadou o 9% dos impostos soportados no seu país, ficando está porcentaxe na Galiza no 5%. Neste sentido, o modelo estatal representa unha anomalía en relación cos Estados europeos que presentan unha organización territorial descentralizada. Así, por exemplo, en Alemaña, o Executivo central recada o 46% dos tributos, os lander ou Estados federados o 40% e os municipios o 14%.

Unha situación análoga repítese en Suíza, Canadá ou Estados Unidos. No primeiro deles, o Goberno central recada o 47% dos tributos, os cantóns o 32% e os concellos o 20%. No segundo, o Executivo central recada o 46%, os Estados federados o 44% e os municipios o 10%. Por último, nos EUA o Goberno federal recada o 55%, os Estados o 26% e os concellos o 19%.

As contas de Rueda

O presidente galego, Alfonso Rueda, volveu cargar onte contra a proposta de financiamento acordado entre o PSC e ERC. Neste sentido, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, sinalou que o novo modelo restaría a Galiza 455 millóns. Porén, non explicou de onde saía esta cifra e recoñeceu que non se baseaba en ningún dato oficial, polo que non sería recollido na proposta de orzamentos para 2025. A este respecto, nin o Goberno catalán nin o Executivo do Estado realizaron ningunha estimación sobre canto pasará a ingresar Catalunya nin o resto das comunidades do Estado co novo modelo de financiamento.

Madrid recadou o 49% de todos os impostos do Estado español en 2021

Madrid recadou o 49% de todos os impostos do Estado español, malia que esta comunidade representa o 19,4% do Produto Interior Bruto (PIB) estatal. Neste sentido, o Informe anual de Recadación da Administración Estatal da Axencia Tributaria (AEAT) de 2021 indica que os tributos ingresados pola rexión presidida por Isabel Díaz Ayuso nese exercicio suman 103.481 millóns, destacando a porcentaxe achegada polo Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), polo Imposto do Valor Engadido (IVE) e polo Imposto sobre Sociedades (IS).

O economista Xosé Díaz explica que “segundo o Informe de AEAT de 2021 en Madrid recádase, para simplificar, o 42,4% de todos os impostos directos, o 57,4% de todos os impostos indirectos, salientando o 84,2% do conxunto dos Impostos Especiais −entre eles o consumo de alcol e bebidas derivadas, tabaco ou hidrocarburos- e o 51,9% das taxas, prezos públicos e outros ingresos: en conxunto, o 49% dos impostos e outros ingresos que forman parte do sistema fiscal español”.

Efecto sede

A elevada recadación de Madrid explícase polo efecto sede, que provoca o emprazamento a efectos fiscais e sociais na capital española de miles de empresas que desenvolven a súa actividade económica real noutras áreas do Estado. Precisamente, esta dinámica xoga contra os intereses do resto de nacións e comunidades autónomas, lastrando o seu desenvolvemento e succionado por diversos mecanismos, non só o fiscal, unha parte importante da súa riqueza.