“Somos Nós será nun futuro o que Somos Nós decida”, asegura Quintana

Presentación de Somos Nós /S.N.

O ex-vicepresidente da Xunta encabeza en Compostela o acto de presentación da súa plataforma cidadá, ao que non acudiu ningún dirixente do BNG, facendo un chamamento á “nova política” e a que Galiza non “desapareza” da política.

 

Algo máis de 100 persoas acudiron este sábado á Facultade de Xornalismo de Compostela, onde Anxo Quintana, ex-vicepresidente da Xunta e antigo líder do BNG, presentou a plataforma cidadá que encabeza baixo a denominación de Somos Nós, que pretende, segundo o seu impulsor, “rachar coa vella política” e colocar a Galiza “como prioridade”.

Quintana negou que a creación de Somos Nós responda a un intento de “refundar” o nacionalismo e mesmo falou de romper “fronteiras” e “unir a nacionalistas e non nacionalistas” pero sempre “dispostos a facer país”. “Temos que traballar conxuntamente, convencidos de que os problemas sociais e económicos de Galicia non se van a resolver nunca porque en Madrid goberne 'a', 'b' ou 'c', resolveranse se os galegos nos unimos e gobernamos nós a nosa terra desde aquí", dixo o ex-vicepresidente da Xunta.

Compromiso por Galicia foi a forza máis representada no acto, onde non estaba oficialmente o Bloque nin tampouco Anova, pero si algunhas caras coñecidas

No discurso de presentanción, Anxo Quintana amosou certa ambigüidade entre o concepto de movemento cívico que agora amosa Somos Nós e o seu desenvolvemento posterior, mesmo electoral. “ Somos Nós será nun futuro o que Somos Nós decida”, dixo, con constantes referencias en contra da “política vella”, que contrapuxo á “nova” na que “galegos de moi distinta condición poidan por fin unirse para gobernar o país”.

No acto non houbo presenza de ningún representante da dirección do BNG. Tampouco de Anova. Si foi moi visíbel a de compoñentes de Compromiso por Galicia. Tamén se puido ver a Ana Luisa Bouza (unha das impulsoras da iniciativa e ex-deputada do Bloque, que situou como obxectivo que Galiza “non desapareza da política”), ao ex-adestrador de Dépor e Celta Fernando Vázquez, ao artista Xurxo Souto, ao alcalde de Monforte Severino Rodríguez, á escritora Inma López Silva, ao físico Jorge Mira, ao profesor Fermín Bouza ou ao politólogo Antón Losada.