As sondaxes non lle dan a Rueda para gobernar

Alfonso Rueda en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

As empresas de sondaxes non dan feito nas últimas semanas. A proximidade das eleccións locais e o proceso de conformación das candidaturas están xerando un traballo supletorio para os institutos de opinión. Os estudos de setembro e outubro apuntalan as tendencias anteriores.

A grandes trazos as enquisas elaboradas na segunda quincena de setembro retratan unha panorámica semellante á do mes anterior. Neste sentido, non outorgan ningunha posibilidade ao PP de recuperar as alcaldías Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo, delimitando un campo máis aberto en Ferrol, Lugo e Ourense. Nesta liña, as proxeccións das dúas primeiras cidades adiantan como máis probábel un resultado semellante ao actual, sendo Ourense a localidade onde o PP pode retornar a Alcaldía co apoio do actual rexedor Gonzalo Pérez Xácome.

As tendencias do PP na Galiza non gardan semellanzas coas rexistradas para o Estado. A este respecto, os polítólogos  e demóscopos consultados por Nós Diario explican que o crecemento dos populares no conxunto estatal débese esencialmente á concentración do voto da dereita nas súas siglas, como consecuencia da caída de Ciudadanos e o retroceso de Vox. Porén, aclaran estas mesmas fontes, na Galiza estas dúas formacións sempre foron residuais e o voto da dereita sempre estivo unido no PP.

As enquisas avanzan un retroceso dos populares de cara ás eleccións galegas. Neste sentido, confirman a tendencia da última quincena de agosto, cun PP cada vez máis lonxe da maioría absoluta, un BNG subindo e incrementando a súa tendencia de voto directo e o PSdeG estabilizado pero achegando os escanos suficientes para articular un Goberno alternativo ao PP. As posibilidades do retorno á Cámara galega do espazo da Unidade Popular están hoxe máis lonxe que no mes pasado.

O PP non pasa de 36 escanos

A totalidade das sondaxes elaboradas na segunda quincena de setembro e na primeira semana de outubro deixan ao PP por debaixo de 36 deputados. Estes mesmos traballos sitúan ao BNG entre 25 e 21 escanos, ao PSdeG entre 15 e 18 e a Unidas Podemos entre 0 e 2. Neste sentido, o dato máis relevante é que os populares continúan baixando en intención de voto, sendo perceptíbel un deterioro na acción de goberno do Executivo galego.

As sondaxes non deixan en bo lugar a Rueda. Malia ter aumentando o seu nivel de coñecemento  desde o seu nomeamento como presidente da Xunta da Galiza, a súa valoración ten caído. Tanto é así, que os politólogos consultados por Nós Diario recoñecen que a súa candidatura non acaba de arrancar e a súa falla de tirón electoral é evidente.

A imaxe de Rueda

Os politólogos contactados entenden que o PP debe proceder a vender outra imaxe de Rueda ao fin de que a poboación o perciba como alguén máis próximo, capaz de empatizar cos seus problemas. Nesta liña, consideran que o mandatario galego “non dá superado esa imaxe de tecnócrata gris e segundón labrada nos seus longos anos a carón de Feixoo”.

Os dirixentes populares conectados por Nós Diario recoñecen a tendencia á baixa do partido na Galiza pero matizan que “as eleccións galegas fican aínda moi lonxe” e a importancia das sondaxes é relativas. Ao tempo, apuntan que as novas metodoloxías das enquisas, cunha porcentaxe moi importante de preguntas electrónicas, que retraen aos seus potenciais votantes, así como a proximidade as locais distorsiona a foto final.

O discurso oficial do PP céntrase en repetir que “Alfonso Rueda non será candidato nas eleccións locais de 2023”, mais como lembran algúns analistas “representará a súa primeira revalida nas urnas”. Aínda así, os populares afánanse en apostar por superar nas municipais do vindeiro ano a porcentaxe de votos das locais de 2019 e separar este proceso electoral dos seguintes.