Soutomaior e o PP: o ritual publicitario

Feijóo e Mariano Rajoy en Ourense

Volve Rajoy, Feijóo, Louzán e demais plana maior do Partido Popular ao castelo reforzado pola policía a comezar o curso político. Entre falsas ilusións, promesas que nunca se acaban de cumprir e triunfalismo, ábrese a xeira das reformas electorais cara ao duplo pucheirazo.

Desde que a batalla interna do PP galego -que é o estatal- decantouse a prol do birrete, aquelas romarías dos Montes desapareceron; agora o que estilan é un ritual privado, para cargos e simpatizantes elixidos; con moitos antidisturbios na contorna para evitar protestas, por exemplo as d@s preferentistas. O ritual do habitual do Partido Popular cada fin de agosto/principios de setembro. Toca reviravolta este domingo. E anuncian importantes suxestións, que non son tal dado que a norma gobernamental, tanto en San Caetano como na Moncloa, é aplicar esa maioría electoral que saben que xa non é social. E que van trampear para levala ao seu terreo. “Reformas”, chámanlle ao que desde outras posicións se define, sen matices, como “pucheirazo”.

Xúntanse a intención de prohibir as coalicións municipais e reducir a favor do PP o Parlamento de Galiza, ese é o programa anunciado

Vanse xuntar dous cambios fundamentais na xa escasa democracia existente no Estado español e en Galiza: a redución de escanos no Hórreo e a que prohibirá as maiorías programáticas nas municipais. Unha salvaxe manobra que ampliará a conflitividade política, xa de por si moi axitada. Participarán na escenificación todos os poderes do PP, a nivel local, provincial, nacional e estatal, como sempre. Pero está máis que demostrado que o que alí leva anos anunciándose non adoita cumprirse.

En 2011, Rajoy dixo en Soutomaior que “para reducir o déficit non hai que aumentar impostos”. Pero en idéntico lugar doce meses despois defendeu a subida do IVE. Ese mesmo día anunciou que “en xuño estaremos mellor”. Pero nada. Porén, volveu un par de meses despois e dixo que reduciría tributos, outra vez, pero só o fixo de forma maquillada, para unha minoría. Este domingo repetirá vellas escenas. Cos resultados coñecidos.

Por certo, para o presidente do Goberno español, onde vai falar non é Soutomaior, senón “Sotomayor”. Significativo.