18-F

"Subide, que cabemos todos": é un plaxio o vídeo electoral de Rueda?

Alfonso Rueda, a bordo dun autobús no vídeo de precampaña do Partido Popular. (Foto: PP)
O spot publicitario do PP garda moitas e moi significativas similitudes con estoutro anuncio de campaña que se remonta a 2011.

—Perdoade, para ir ao 2024?
—Colles un poquiño á dereita, mais non moito, e despois segues todo polo centro.
—Moi ben, veña, pois subide.

O presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP á reelección nos comicios do vindeiro 18 de febreiro, Alfonso Rueda, púxose ao volante dun autobús —co lema dos conservadores, 'Galicia non para', impreso no exterior— para dar o disparo de saída oficial á carreira electoral, nun vídeo que non deixou ninguén indiferente e no que convida a montar no autocar alá onde para.

Con todo, o vídeo, por orixinal que pareza, podería non ser tal, pois garda grandes e significativas semellanzas con outro precedente que se remonta a 2011. Aquel spot publicitario, recuperado agora do esquecemento por Enfoques.gal, protagonizábao o político mindoniense José María Artiaga, que naquelas eleccións locais encabezaba a lista de Converxencia Galega para o Concello de Mondoñedo, após obter no anterior mandato unha acta dentro do Partido Galeguista.

"Queredes vir comigo a dar unha volta por Mondoñedo? Imos facer unha viaxe de traballo e compromiso. Neste autobús colledes todos, subides?", di Artiaga, convertido en condutor do autobús. As mesmas palabras, e mesmo cos mesmos planos de cámara, que as que protagoniza Rueda no seu novo vídeo: "Veña, que aquí cabemos todos!".

O anuncio electoral do Partido Popular foi criticado por dar gran relevancia ao slogan acuñado pola extrema dereita española a raíz das palabras da presidenta madrileña, a popular Isabel Díaz Ayuso, cando as cámaras recolleron o seu insulto no Congreso ao presidente Pedro Sánchez —"hijo de puta"— e desde o seu gabinete aseguraron que dixera "me gusta la fruta". Un posto de froita con ese mesmo lema, en castelán, aparece no vídeo de Rueda.