23-X

A suma de votos do PSdeG, Sumar e BNG supera á de PP e Vox

Papeletas no colexio electoral de Quindous, Cervantes, na comarca dos Ancares (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A maior diferenza nas catro circunscricións é na de Pontevedra, onde as dereitas fican máis de 55.000 votos por baixo de socialistas, nacionalistas e a formación de Yolanda Díaz.

PP e Vox non suman na Galiza. Os votos obtidos por ambas as dúas formacións este domingo non superan aos sufraxios logrados polo PSdeG, Sumar e o BNG. Hai unha diferenza entre ambos os dous espazos de máis de 30.000 votos.

Os votos obtidos polo Partido Popular e Vox nas catro circunscricións galegas foron 776.527. Unha cifra que supón un aumento considerábel a respecto de hai catro anos, cando a suma entre os dous abeiraba os 600.000 sufraxios.

Porén, nas eleccións estatais de 23 de xullo a suma de votos do PSdeG, Sumar e BNG segue a ser superior á das dereitas: 807.495 sufraxios, perto de 31.000 máis. En concreto, 30.968 votos máis.

Eses 807.495 sufraxios son 11.000 máis que os que en 2019 atinxiran o PSdeG, o BNG e Unidas Podemos e Más País (estes dous últimos, espazos agora integrados Sumar).

Por circunscricións, a principal diferenza en votos este domingo entre PP/Vox e as outras tres formacións deuse en Pontevedra. Mentres dereita e ultra dereita sumaron 249.874 votos, o PSdeG, Sumar e o BNG lograban 305.050. Unha fenda de 55.176 papeletas.

Na circunscrición da Coruña as tres forzas de progreso lograron este 23-X  336.525 votos, cifra tamén superior á suma do PP e Vox, que ficaron en 321.533.

A outra cara da moeda está en Lugo e Ourense. En ambas as dúas, as dereitas suman máis que o PSdeG, Sumar e o BNG. Na primeira, 106.450 fronte á 86.066. Na segunda, 98.600 perante 79.854.

Os resultados mostran como, no que respecta a número de votos,  a alianza entre o PP e Vox continúa sen ser maioritaria na Galiza.