Segunda investidura falida

Taboleiro de marcas no Congreso: 170 a favor e 180 en contra de Rajoy

Un momento da votación

A disciplina de voto funcionou á perfección no grupo parlamentar socialista e Rajoy estrelouse contra a granítica oposición de Pedro Sánchez. Todo indica que a sexta feira (19 horas) o taboleiro de marcas non rexistará ningún movimento. A partir daí, un monte de especulacións.

Sánchez anunciou nas vésperas que o non do PSOE a Rajoy non iría ter ningunha fenda no seu grupo parlamentar. Tiña razón. Os fieis de Susana Díaz, basicamente a representación andaluza, maioritaria no grupo parlamentar, seguiron as directrices do secretario xeral e do comité federal. Así, Rajoy non tiña ningunha opción de pasar o primeiro trámite da investidura, o que exixe maioría absoluta.

Na súa intervención, Sánchez extremou a súa posición crítica de forma deliberada, até alcanzar un ponto de non retorno. Nisto coinciden agora quer o seu sector quer os críticos: non hai volta atrás, o PSOE non se irá mover do non para a abstención en ningún caso. Vencido na investidura de marzo, o secretario xeral da formación socialdemócrata non contempla outro escenario que a derrota de Rajoy neste trámite de agosto-setembro.

O segundo capítulo da investidura está axendado para esta sexta feira. Ana Pastor convocou novo Pleno ás 19 horas. A votación, especificou, non será antes das 20 horas

E se o PP muda de candidato? Antonio Hernando, portavoz do PSOE, deixou claro esta quinta feira, na antena da SER, que iso non ía mudar as cousas, "porque o programa do partido continuaría a ser o mesmo". Para os socialistas, a única posibilidade que ten o PP de se rexenerar é pasar unha temporada na oposición.

O segundo capítulo da investidura está axendado para esta sexta feira. Ana Pastor convocou novo Pleno ás 19 horas. A votación, especificou, non será antes das 20 horas. Os portavoces disporán de 10 minutos para argumentar a súa posición. Non cabe agardar a menor mudanza a respeito do dito e feito esta cuarta feira: os 170 continuarán a favor e os 180, en contra.

A partir do 2S ábrese un océano de incertezas e unha morea de especulacións. A variábel na que confía o PP é que o PSOE teña un mal resultado eleitoral na Galiza e en Euskadi que o leve a reconsiderar a súa posición. Agarda tamén que o PNV precise dos votos dos conservadores para reter Ajuria Enea. As cábalas do PP teñen, claro, un reverso: se Feijóo non alcanza os 38 escanos no Hórreo (só ou na compaña de Cs) e se finalmente o parceiro de Urkullu é o PSE, as opcións de a formación direitista manter a chave da Moncloa volatilizaríanse.

O PSOE, por súa parte, non desbota inteiramente a opción de tentar unha maioría alternativa no Congreso, co argumento de que neste momento non toca, de que neste momento aínda estamos na investidura de Rajoy. "O PSOE vai estar sempre na solución", ten dito enigmaticamente Pedro Sánchez, ao tempo que ten rexeitado o escenario dunhas terceiras eleccións.

 

Nas últimas semanas Sánchez ten presionado o PP co razonamento de que debería procurar un acordo cos seus correlixinarios do centro-direita, PNV e Partit Demòcrata Català. Sabía que pedía un imposíbel, mais talvez o fixera para branquear eses partidos soberanistas, isto é, para criar a atmosfera de que é lexítimo pactar con eles. A xogada podería ser que quen finalmente o fixese fose el.