Anova

Talleres de "despatriarcalización" para os militantes de Xeira envolvidos na lea asemblear

Un momento da lea [imaxe tirada da TVG]

O maior impacto mediático da III Asemblea Nacional de Anova non foi o paso atrás de Beiras para dar o relevo a Antón Sánchez nen a baixa asistencia ao conclave, senón a lea en que se viron envolvidos integrantes de Xeira, as mocidades da FPG.

A lea produciuse após unha intervención de Beiras na tribuna que foi contestada con apupos por parte dun afiliado. A escena produciu un certo balbordo no plenario e derivou nunha lea entre ex militantes da FPG do Morrazo e integrantes de Xeira, as mocidades da FPG. As cámaras da TVG estaban presentes e recolleron o incidente.

Xeira non demorou en pedir formalmente desculpas a meio dun comunicado do seu comité central.

"Perante os feitos que onte empañaron a III AN de ANOVA, dende Xeira queremos manifestar o noso profundo rexeitamento e desaprobación destas intolerables conductas, que en ningún caso poden eclipsar o bo funcionamento e cordialidade xeral no que discorreu dita asemblea e a militancia de ANOVA durante este lustro", afirma a organización xuvenil.

Xeira toma tamén a decisión de afastar de militancia os mozos envolvidos na lea. Sería unha suspensión temporal "ata que se demostre predisposición e formas para volver a militar", din.

A dirección das mocidades da FPG empraza os militantes suspendidos de militancia a que, neste período de castigo disciplinario, participen nos talleres de formación que imparten "compañeiras" sobre 
"despatriarcalización das prácticas socio-políticas, aprendizaxe de coidados e compañeirismo".

Para o comité central de Xeira, a "agresividade" e a "violencia entre iguais" son produtos estruturais do patriarcado, polo que os militantes envolvidos na lea terían de aprender a se comportar dunha forma despatriarcalizada.

Mariano Abalo na RG

Quen tamén avaliou o incidente, neste caso nunha entrevista na Radio Galega, foi Mariano Abalo, un dos fundadores da FPG. Cualificouno de incidente "bastante lamentábel" e "desagradábel" e felicitouse da "autocrítica" exercida pola dirección de Xeira.

Abalo realizou tamén reflexións sobre o desenvolvimento da asemblea, ben como sobre o peso do nacionalismo de esquerdas na "unidade popular" e, entre outras cousas, defendeu que na unidade popular se continúen tendendo pontes ao BNG.

A FPG quixo esclarecer a meio dun chío que as declaracións de Abalo non representaban a posición oficial do partido, senón que estaban realizadas a título exclusivamente persoal.