A divulgadora científica Tamara Pazos, segunda protagonista do #CódigoAna

Entrevista de Ana Pontón a Tamara Pazos.
O espazo de entrevistas que dirixe Ana Pontón estreará a segunda entrega esta sexta feira, logo de inaugurarse da man da cantante Pili Pampín.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, contará no seu segundo programa de #CódigoAna, o espazo de entrevistas que mantén con referentes de diferentes ámbitos da sociedade galega, coa divulgadora científica Tamara Pazos (A Coruña, 1992). Esta segunda entrega, após a estrea da man da cantante Pili Pampín, poderá verse esta sexta feira, día 20, a partir das 20 horas.

Coñecida en redes como @Putamen_T —en referencia a unha parte do cerebro—, Pazos é unha bióloga cun máster en Neurociencia e especialista no comportamento humano. Declárase unha "orgullosa coruñesa formada enteiramente nas institucións públicas, desde Primaria até o doutoramento". Actualmente investiga na súa tese doutoral como utilizar a divulgación científica como prevención de riscos para a saúde e, a través de distintos obradoiros, intenta descifrarnos como funciona o cerebro no seu conxunto.

É autora de obras como La ciencia aprieta pero no ahoga e Este libro te hará vivir más (o por lo menos mejor). Unha das súas últimas aventuras profesionais é a colaboración que mantén no recoñecido programa Saber vivir, de TVE, onde fala de hábitos, saúde e ciencia.

Nas súas propias palabras, a súa ambición é "compartir todas aquelas curiosidades que a axudan a tomar mellores decisións". Neste #CódigoAna abordaranse cuestións como educación pública, situación da ciencia e o papel da muller no ámbito científico, así como o algoritmo nas redes sociais.

Os avances e a versión íntegra poderán verse a través das redes sociais de #CódigoAna nas canles de Facebook, Instagram, X (antes Twitter) e Youtube.