Tempo de lecer para as candidatas e os candidatos na xornada de reflexión
O estrés fica adiado para este domingo. Candidatas e candidatos dedicaron ao tempo de lecer a xornada de reflexión.
Ir tranquilamente facer a compra ao mercado de abastos de Santiago, leitura, estar coas amizades e coa súa parella, ir ao cinema de tarde. Así está a pasar o día de reflexión a candidata do BNG, Ana Pontón. "Estou moi orgullosa da miña organización e de todas as persoas que participaron e deron o mellor de si nesta campaña”, dixo a meio dun comunicado de imprensa. Pontón cualificou estes 15 días de percorrer o país adiante na procura do apoio cidadán como ilusionantes e emocionantes e mostrouse convencida de que o pobo galego “aproveitará a oportunidade do 25S cunha grande participación nas urnas”.
Estar cos amigos, “desfrutando desta afonía -dixo en ton de brincadeira- escoitando moito e falando pouco”, facer algo de deporte e aproveitar a tarde para ir ao teatro. Ese é o programa de Luís VIllares (En Marea) para este día, segundo revelou el propio aos meios, en declaracións en que manifestou a súa satisfacción polo desenvolvimento da campaña: “Moi contento. Funcionou moi ben. Encontramos unha grande ilusión social”, dixo, persuadido de que este 25S será un “día histórico” e que “dará un grande cambio ao país”.
Tomar un café en Compostela co veteranísimo ex presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, de 99 anos, e xantar e pasar o resto do día na compaña da súa parella na Coruña. Eis a xornada de reflexión de Alberto Núñez Feijóo, candidato do PP á reelección. "Imos escoitar os galegos e o que digan será o que imos facer", dixo aos meios.
Cristina Losada, Cs, deixouse ver no compostelán café Derby, onde tomou café con xornalistas, aos que transmitiu a súa convicción de que o seu partido irá ter un bon resultado eleitoral este domingo. A súa axenda vespertina estaba reservada para o seu círculo íntimo en Vigo.