''Ten medo de que os traballadores marchen da TVG coa fórmula secreta de Luar e lla pasen á competencia?''

Sánchez Izquierdo, director da CRTVG

A comparecencia parlamentar do director xeral da CRTVG para explicar as últimas normas e circulares aprobadas pola compañía deu pé a un vivo debate sobre a canle. A oposición denunciou a intención do PP de “controlar os traballadores”, aos que a compañía pon ''baixo sospeita permanente''. O Partido Popular, porén, defendeu que a actual TVG “ten máis credibilidade ca nunca”.

Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, compareceu na Comisión permanente non lexislativa de control da Compañía a petición de BNG e AGE. Ambas as dúas forzas solicitaran a presenza de Izquierdo para que explicase as normas impostas aos traballadores no que atinxe a uso dos sistemas informáticos e vestimenta.

O director xeral defendeu esas circulares, tentando mesmo tirarlles importancia (“non fixemos nada que non fixesen outras empresas nesta materia, incluídas outras televisións públicas e privadas”). Xustificounas na necesidade de “protexer a imaxe e labor da TVG” e negou que as circulares afectasen “a actividade”.

Sánchez Izquierdo: “Non fixemos nada que non fixesen outras empresas nesta materia”

A respecto da vestimenta, o director xeral sinalou que eran “indicacións” para os profesionais que aparecen na pantalla. Indicacións desta caste: “A imaxe que se reflicta do traballador non debe centrar a atención, en ningún caso o traballador debe ser protagonista, vestiario correcto e xesticulación amábel...”. No que atinxe aos sistemas informáticos, Sánchez Izquierdo argumentou que “hai que protexer a información da CRTVG e cumprimento da legalidade vixente.”

“Vostedes sospeitan dos traballadores”

As explicacións do alto cargo non convenceron a oposición. Montse Prado (BNG) acusou a Sánchez Izquierdo de “na súa exposición pretende trasladar que isto é unha cuestión aséptica, técnica, unha cuestión de norma e seguridade... mais non é así”. Para a deputada nacionalista, “vostedes poñen o foco para que os traballadores se sintan vixiados e en sospeita permanente. Teñen baixo sospeita a todos os traballadores. Un auténtico Gran Irmán”.

Montse Prado (BNG): “O que fan é control puro e duro da CRTVG nun momento en que a sociedade pide medios públicos veraces”

Foi entón cando a parlamentar nacionalista perguntou a Sánchez Izquierdo a que viñan tantas normas de control e restricións:”Teñen medo de que os traballadores marchen de alí coa fórmula secreta de Luar e llela pasen á competencia? Ou de que filtren como vai acabar Padre Casares?”, inquiriu a deputada do BNG.

Juan Fajardo (AGE): “Derroguen estas normativas”

Manipular a realidade

Tampouco a Juan Fajardo (AGE) o convenceron as explicacións do director xeral. O vilagarcián dixo: “queren que non se poda demostrar a realidade da CRTVG, que é unha ferramenta para manipular a verdadeira realidade”. Engadiu tamén que con estas normas “procuran vostedes a auto-censura do traballador” e até “queren anular a personalidade dos profesionais e mesmo poñen en dúbida a súa profesionalidade”.

Baamonde (PP): “A CRTVG ten agora unha credibilidade que non tiña antes”

Desde as filas socialistas centráronse en criticar a liña informativa da CRTVG, denunciando que só daba as novas favorábeis ao goberno. Mentres, o voceiro do PP na comisión, Agustín Baamonde, defendeu que “estas circulares son unha garantía para os propios traballadores” e responsabilizou a oposición de facer acusacións “moi graves de manipulación, censura” contra a CRTVG... sen dar “nin un argumento de peso que as xustifique”.

Normas homologábeis

Na súa quenda de réplica, o director xeral da CRTVG insistiu en que esas normas eran homologábeis co que estaban a facer os outros medios públicos e privados. “Non estamos a facer nada que non fixeran os demais”, alegou.