A tendencia á baixa de Podemos nos inquéritos marca o taboleiro político

Iglesias conversa con Sánchez

Podemos cotiza á baixa nas sondaxes e este fenómeno constitúe a grande esperanza de Pedro Sánchez rumo á súa investidura.

Nas últimas horas viron a luz dous inquéritos que concordan en sinalar que a principal damnificada cunha repetición das eleccións xerais sería a formación política liderada por Pablo Iglesias.

A maior parte dos analistas eleitorais pensan que Podemos pagaría os pratos rotos da súa conflituosa vida interna -co confronto entre Errejón e Iglesias aínda a arder- e o rol xogado pola organización dos círculos nas negociacións -ou máis ben, na ausencia delas- tendentes a formar unha maioría de goberno no Congreso dos Deputados.

Así, este domingo Metroscopia (El País) publicaba un estudo segundo o cal Podemos e as confluencias (nese conglomerado estaría incluído En Marea) ficaría no 15,9% dos votos, unha queda muito significativa a respeito do 20D, por volta dos 5,2 pontos percentuais. PP e PSOE tamén baixarían, embora menos do que a escadra podemita (a formación conservadora obtería o 27,3%, entanto que a socialdemócrata se alzaría co 21% dos sufraxios, sendo os seus números o 20D o 28,7% e o 22%, respectivamente). O grande beneficiario dunha nova convocatoria ás urnas sería Ciudadanos. Metroscopia atribúelle o 18,8% do voto, unha espectacular gañancia de case 6 pontos (practicamente os que perdería Podemos). O 20D a formación liderada por Albert Rivera tivo o 13,9% dos votos e 40 escanos.

Esta segunda feira, Sigma 2 publicou un inquérito en El Mundo con tendencias similares. Podemos cedería, a respeito do 20D, un total de 17 escanos e a frioleira de 4 pontos percentuais (pasaría de 69 a 52 e do 20,7% ao 16,7% respectivamente). A sondaxe prognostica tamén incrementos no espazo do centro-direita, que é no que, aliás, se move El Mundo: o PP pasaría do 28,7% ao 30,2 % (de 123 a 128 escanos) e Cs, do 13,9% ao 16,2% (de 40 a 52 escanos). Destarte, unha eventual coligazón PP-Cs tería unha cómoda maioría absoluta na Cámara. O PSOE ficaría nos mesmos números que nas eleccións de decembro: o 22% dos sufraxios e 90 escanos.

O PSOE presiona a Podemos co argumento de que un retorno ás urnas podería non só resultar nunha derrota política para Pablo Iglesias, senón tamén na hipotética conformación dunha cámara con maioría de centro-direita

Esta tendencia é a xeral de todos os inquéritos, tamén os que manexan as distintas formacións estatais, con excepción do traballo publicado o 27 de Febreiro por La Sexta, canle de televisión que se ten caracterizado por lle dar moita cancha a Podemos: no seu inquérito, asinado por Invymark, a formación de Iglesias incrementaría os seus apoios até alcanzar o 22% dos sufraxios, o que lle permitiría realizar o sorpasso a un PSOE que ficaría nun paupérrimo 20,3%.

Con este cadro sobre a mesa, o PSOE continuará a intensificar a súa presión sobre Podemos para que viabilice a formación dun goberno presidido por Pedro Sánchez, co argumento de que un retorno ás urnas podería non só resultar nunha derrota política para Pablo Iglesias, senón tamén na hipotética conformación dunha cámara con maioría de centro-direita.

Porén, hai outro factor a non perder de vista: o incremento de IU na bolsa dos inquéritos, modesto no caso de El Mundo (pasaría de 2 a 6 escanos) e notábel no traballo de El País (do 3,7% ao 6,9%). Este aumento intensificará tamén a presión da formación liderada por Alberto Garzón sobre Podemos para que aceite concorrer en coligazón nunha eventual nova cita coas urnas.