Xesús G. Antelo (BNG)

"Ter un senador da emigración sería novidoso e amosa o compromiso do BNG"

Xesús Gómez Antelo (Foto: Nós Diario).
Xesús Gómez Antelo é o candidato número 1 do BNG ao Senado pola Coruña.

—É o seu primeiro salto á política encabezando unha lista ás estatais. Que pensa que pode aportar desde o Senado? 
Fun algunha vez en listas do BNG nas eleccións galegas pero non en postos de saída. Sempre fun militante do BNG na emigración, fixemos durante 20 anos unha radio en Xenebra con moito éxito de audiencia. Hai moitas cousas nas que creo que podo aportar a miña experiencia, como militante e activo social na emigración. 

—En que temas en concreto considera que aportará o seu traballo en Madrid?
Gustaríame levar iniciativas en cuestións coma o problema das autoestradas, o territorial, inmigración ou educación e lingua. En todos hai que mudar as políticas. É incríbel que un país ultraliberal como Suíza resolvera estes temas, con autoestradas sen peaxes nin concesións ao privado, evitando que os ricos se forren a conta das peaxes que 
paga a xente. 

—Vostede é un veterano sindicalista, que pode aportar esta experiencia para os traballadores e traballadoras desde o Senado?
Fun fundador do sindicato no que integramos inmigrantes, feminizamos a dirección, hoxe case 70% do secretariado son mulleres, e tamén o colectivo LGTB. Desde o sindicato démoslle unha patada ao formigueiro para reformar o sindicalismo suízo, que era moi conservador. Fixemos un sindicalismo máis aberto, interprofesional, de proximidade 
e participativo. 

—O BNG está á alza, pero as enquisas sinalan un posíbel pacto da dereita e a ultradereita, como afronta este panorama o nacionalismo galego?
Estes movementos de retroceso son moi graves, é un dos motivos para aceptar esta candidatura, porque considero que en Galiza o único que pode facer contrapeso é o BNG. Un grupo galego forte en Madrid pode frear a estes retrógrados.

Ademais o voto ao BNG tamén serve para contrarrestar  eses políticos galegos que van a Madrid non a defender a Galiza senón aos seus amigos. O BNG ten que chegar á Xunta, e este camiño fai parte diso. Penso que con Ana Pontón na Xunta imos contrarrestar ese espolio á Galiza. O BNG non permitirá un Goberno da dereita e fará propostas para frear a agresión da extrema dereita.

—Cal considera que é o valor engadido dun senador como vostede que coñece en primeira persoa a emigración galega?
O feito de ter un senador da emigración sería xa unha novidade, outra mostra do compromiso do BNG. A igualdade, a integración, políticas sociais xenerosas, son bandeiras que o BNG leva alí onde está presente, e no Senado serán tamén propostas de avances, xenerosidade e de amor á nosa terra.