"Ante todo, moita calma": a resposta do BNG ás acusacións do PP por "copiarlle" o programa

Chío publicado por Paula Prado esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

O PP acusa o BNG de "copiarlle" medidas e a formación nacionalista ironiza cos seus "nervios" e suxírelle "calma".

A secretaria xeral do PP, Paula Prado, acusou o BNG de "copiar" medidas dos populares (como a creación dunha central que facilite a comercialización aos produtores próximos) a través do seu perfil na rede social 'X', onde tamén recibiu resposta da formación nacionalista, que ven "nerviosos" os populares e receitáronlles, citando a banda viguesa Siniestro Total, "ante todo moita calma".

Prado subliñou que os populares deron a coñecer o seu programa o 28 de xaneiro, que recolle a creación dunha central que facilite a comercialización ás produtoras e aos produtores próximos, e que "ao día seguinte" o BNG "anunciou a mesma medida". "As nosas iniciativas son tan malas que a fórmula do multipartito é copiar", censurou a dirixente popular.

Con todo, o BNG respondeu a Paula Prado cunha noticia na que, con data do 24 de xaneiro de 2024, o BNG comprometíase a promover desde a Xunta a "compra verde" para os comedores públicos, co fin de diversificar a produción e potenciar froitos e artigos ecolóxicos no agro.

"Xa o dicía Siniestro Total, 'ante todo moita calma'", agrega na súa publicación o BNG. Un paso máis deu o responsable de campaña do BNG, Rubén Cela, que traslada na mesma rede social que era "unha evidencia" que o PP estaba "moi nervioso ante a posibilidade de perder a Xunta", pero agrega que este tipo de críticas, na súa opinión, sitúano un paso máis aló.

"Que estaba tan desesperado/desnortado... para min, teño que recoñecer, é unha sorpresa (positiva). En calquera caso, cando o adversario se equivoca, mellor non molestar. Imos ben. Moi ben", conclúe Cela.