Verónica Casal (PP)

"Traballaremos até o último momento para gobernar cunha maioría absoluta"

Verónica Casal (Foto: Nós Diario).
Verónica Casal Míguez é a candidata número 2 do PP ao Senado pola Coruña

—Foi senadora nesta lexislatura. Que destacaría do seu traballo no Senado? E coa chegada de Núñez Feixoo á Cámara?
Todas as demandas de Ferrol, o meu traballo centrouse niso, por Ferrol e os ferroláns que nos teñen esquecidos. Tamén fun voceira adxunta de dereitos sociais e do seguimento do pacto de Estado contra a violencia de xénero e vicepresidenta de xuventude. Coa chegada de Feixoo déuselle unha visión ao Senado que o cidadán non tiña. 
O Senado é moi importante, 

é o último paso que ten unha lei para resultar aprobada. Ademais é a Cámara territorial. Os senadores e as senadoras representamos e defendemos os 
nosos territorios.

—As enquisas din que non haberá maiorías sen pactar, no caso do PP con Vox, que opina destes pactos?
O único que podo dicir é que no PP aspiramos a gobernar con maioría absoluta. Traballaremos até o último momento para gobernar cunha maioría absoluta. Aínda non se foi votar, non están abertas as urnas, o noso obxectivo son as maiorías absolutas.

—Foi vicepresidenta da comisión de violencia de xénero, ou é violencia intrafamiliar como di Vox?
Para min é violencia de xénero, toda a vida foi violencia de xénero dun home contra unha muller por non haber unha igualdade real e efectiva. Eu sigo chamándoa violencia de xénero.

—Imaxino que viu o cara a cara Sánchez-Feixoo, que valoración fai do debate e que influencia pode ter no resultado?
Vin Sánchez moi nervioso, non deixaba falar a Feixoo. Sánchez non tiña o debate preparado, moitos datos que deu non se axustan á realidade. En violencia de xénero, dixo que o pacto de Estado non foi asinado por Vox, cando é de 2017 e Vox xurdiu nos parlamentos en 2019. Para min houbo un claro perdedor fronte ao papel de solvencia da oposición. 

Vimos a imaxe da serenidade, o coñecemento e un programa, contra unha persoa sen programa, que non coñecía os temas e que se defendía como se o estiveran atacando. Penso que á xente que está indecisa a seguridade deulla Feixoo.

—Se o 23 de xullo é elixida senadora, que primeiras iniciativas ten pensado levar á Cámara Alta para que a Galiza estea presente?
Todos os temas de Ferrol que quedaron sen fechar nesta lexislatura, tamén da comarca. Fechou Siemens Gamesa nas Somozas, a central térmica das Pontes, deslocalizouse a industria do plástico... Temos un problema en industria. Estou segura de que cando Feixoo chegue ao Goberno de España serán tratados como teñen que selo, porque os galegos non somos máis que ninguén pero tampouco somos menos.