Turismo consciente, o novo obxectivo de Compostela

Equipo de informantes que percorrerán a zona vella de Compostela difundindo a campaña 'Fráxil'. (Foto: Arxina)
O Goberno da capital galega continua a despregar iniciativas para paliar os efectos dun turismo masificado. Buscando garantir a convivencia da veciñanza de Compostela, a campaña "Fráxil" informa peregrinas e visitantes dos seus dereitos e deberes como turistas nunha cidade que é Patrimonio da Humanidade.
 

O Goberno de Santiago de Compostela despregou esta sexta feira a segunda fase da campaña "Fráxil", dirixida a turistas e a visitantes pero pensada para garantir o benestar da veciñanza. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, reuniuse no Pazo de Raxoi cun equipo que informará as persoas que visiten a cidade sobre os obxectivos desta campaña.

Na xuntanza, a alcaldesa transmitiulles a idea de que, aínda que a campaña se dirixe ás persoas que fan o Camiño, turistas e visitantes, en realidade "está pensada para a xente que vive aquí, para garantir o equilibrio e a convivencia entre as persoas que nos visitan e a veciñanza". O obxectivo final é seguir "apostando por un turismo de calidade que teña un piar na sustentabilidade, no respecto, na concienciación e na sensibilización", indicou a rexedora.

Así, durante os vindeiros 45 días, cinco parellas de informadoras e informadores percorrerán as rúas da zona vella da capital galega para achegar información a peregrinos, turistas e visitantes relativa ao dereito que teñen de gozar do Patrimonio compostelán e á obriga que teñen de coidalo e respectar a vida cotiá da veciñanza. 

Para a realización desta segunda fase –sendo a primeira o reparto de materiais informativos en máis de 100 albergues, comercios e locais de hostalaría– escolléronse as datas da segunda quincena de agosto e setembro porque, segundo afirman desde Raxoi, son as datas nas que maior número de peregrinos e peregrinas recibe a cidade.

"Fráxil" súmase a outras iniciativas do Goberno de Compostela para fomentar o turismo e o ocio responsábel, como é o caso de "Fala Baixiño". Respondendo á demanda da hostalaría e á necesidade de concienciar sobre o dereito ao descanso da veciñanza, con esta campaña o Executivo local promove a toma de conciencia sobre os comportamentos individuais nos momentos de lecer, especialmente nos que decorren nas rúas.

Aumenta o número de viaxeiras

O número de viaxeiras e viaxeiros que se hospedaron en hoteis e pensións da capital galega no mes de xullo descendeu en 2.251 con respecto ao mesmo mes do ano anterior, o que representa un 1,28% menos. En contraposición, aumentou lixeiramente o número de persoas que visitaron Compostela en 733, chegando a 101.524 (0,73% máis).

Segundo os datos publicados esta sexta feirante polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre a Conxuntura Turística Hoteleira, o incremento rexistrouse nas viaxeiras procedentes de fóra do Estado español (40.982 en xullo de 2023 fronte a 44.813 no mesmo mes de 2024), mentres que o número de visitantes orixinarias do Estado español descendeu, pasando de 59.809 a 56.711 persoas.

A nivel galego, as noitadas no mes de xullo medraron, con respecto a xuño, en 2,41% ao alcanzar 612.890, un 0,84% menos que no mesmo mes do ano anterior.