Yolanda Díaz rexeita "radicalmente" o proxecto de Altri na Ulloa, que apela a "parar colectivamente como pobo"

A vicepresidenta e ministra Yolanda Díaz reuniuse esta terza feira con representantes da plataforma Ulloa Viva. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asegurou nunha reunión na parroquia dezá de Ramil (Agolada) que está “radicalmente en contra deste proxecto”.

A Plataforma Ulloa Viva mantivo esta terza feira unha xuntanza coa vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que se desprazou á Eira da Xoana, (na dezá parroquia de Ramil, Agolada) para coñecer os informes do colectivo, técnicos e produtoras da zona arredor da problemática polo proxecto de Altri para instalar unha macrocelulosa en Palas de Rei. 

Yolanda Díaz deixou claro o seu rexeitamento ao proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, e agradeceu a Ulloa Viva a súa “defensa do territorio” e deu as grazas á plataforma “por defender a nosa contorna e un modelo produtivo sostíbel para a Galiza”.

Díaz deixou claro que está “radicalmente en contra deste proxecto”, que definiu como “altamente contaminante, e que pon en risco a saúde pública da poboación e carece de valores democráticos primarios”. A vicepresidenta e ministra apelou a "parar colectivamente como pobo" porque, ao seu xuízo, pon en risco os "valores ambientais" e que Galiza conte cun modelo produtivo "sustentábel".

Pola súa parte, a voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, agradeceu a visita e amosouse convencida de que despois deste día “teremos na vicepresidenta do goberno unha garante dos nosos dereitos en Madrid”.

Yolanda Díaz, segunda pola esquerda, onte en Ramil, Agolada (Foto: Nós Diario).