Ulloa Viva leva ao Congreso o "rexeitamento" á celulosa de Altri

Marta Gontá é natural de Antas de Ulla e veciña de Monterroso (Foto: Nós Diario).
As persoas produtoras asinan manifesto en contra da fábrica.

A Plataforma Ulloa Viva manterá esta terza feira reunións en Madrid cos voceiros de Industria dos distintos grupos parlamentarios no Congreso das Deputadas e dos Deputados para trasladarlles “a preocupación e o rexeitamento” da veciñanza das comarcas da Ulloa, O Deza, Terra de Melide e Arzúa e da ría de Arousa ao proxecto de Altri de construír unha macrocelulosa en Palas de Rei. 

En nome da plataforma, a súa presidenta, Marta Gontá, a presidenta das mariscadoras a pé de Carril (Vilagarcía de Arousa), María Porto, e a produtora agrogandeira de Traloagro (Friol), Isabelle Gómez, manterán durante a xornada reunións con deputados de PSOE, PP, Sumar, BNG, ERC, PNV, EH Bildu, Junts e Podemos.

Estes encontros terán lugar o día en que a Comisión de Industria do Congreso debate dúas proposicións non de lei a respecto de Altri, unha presentada polo PP para "impulsar o proxecto e garantir a viabilidade deste investimento" e outra do deputado do BNG, Néstor Rego, relativa ao financiamento con cargo a fondos europeos do proxecto de Altri da macrocelulosa de Palas de Rei.

O debate destas iniciativas coincide coas reunións da Plataforma Ulloa Viva cos distintos grupos, aos que presentarán informes elaborados por expertos que certifican o impacto deste proxecto a nivel socioeconómico, medioambiental, patrimonial e da saúde e o benestar da veciñanza.

O deputado do PP e ex conselleiro de Economía da Xunta da Galiza, Francisco Conde, adiantou que defenderá unha iniciativa para “impulsar” esta celulosa. O PP pide ao Goberno español que garanta a Altri “o acceso aos fondos europeos” que a empresa portuguesa demanda (250 millóns de euros) e a construción da subestación eléctrica que precisa para o proxecto. O PP insiste en que Altri creará 2.500 postos de traballo directos, aínda que a propia empresa xa recoñeceu que serán como moito 500.

Manifesto das produtoras

Tamén esta terza feira, en Monterroso (A Ulloa), máis de vinte persoas e empresas produtoras das zonas afectadas pola celulosa de Altri presentarán un manifesto asinado en contra da implantación desta industria. En Monterroso as Denominacións de Orixe Protexida (DOP) de Queixo Arzúa Ulloa e Tetilla, encabezarán unha listaxe de persoas produtoras e organismos para expresar o seu rexeitamento á instalación deste proxecto industrial na Ulloa.