Ultimato do Concello da Coruña: 72 horas para declarar o estado de emerxencia se o lixo segue nas rúas

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, nunha rolda de prensa. (Foto: Andy Pérez)
Se a concesionaria non actúa, procederá á "contratación urxente" dunha compañía que asuma o servizo.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, advertiu esta sexta feira que vén de dar "un prazo de 72 horas" á empresa concesionaria de recollida de lixo, Prezero, para que retire os residuos acumulados nas rúas da cidade tras case un mes de folga do persoal do servizo. Se non é así, a vindeira segunda feira, día 22, declarará o estado de emerxencia sanitaria e procederá á "contratación urxente" dunha compañía que asuma o servizo.

Así o manifestou tras unha reunión mantida coa Federación de Asociacións Veciñais da Coruña, nunha rolda de prensa na qe explicou as medidas que o Consistorio vai adoptar "de forma inmediata" para dar "solución definitiva a un conflito que dura moitos anos". "Xa enviamos un requirimento á empresa concesionaria da recollida de lixo para que no prazo de 72 horas tome as medidas necesarias para devolver a cidade á normalidade e a condicións óptimas de salubridade", avanzou.

En caso contrario, dixo, o próximo día 22 ás 8 horas declarará "a emerxencia sanitaria para proceder á contratación urxente dunha empresa —cuxo custo pagará Prezero— que se faga cargo da recollida de forma excepcional en toda a cidade e nos puntos concretos que incumpren estándares de salubridade". "Neste momento, danse as condicións sanitarias, ambientais e legais para poder facelo con seguridade xurídica", recalcou.

Reivindicacións

Esta situación débese a unha folga que a alcaldesa cualificou de "chantaxe á cidade". A mesma foi iniciada o pasado 24 de xuño, promovida pola organización sindical maioritaria no comité, o Sindicato de Traballadores de Limpeza (STL), con motivo de "despedimentos inxustificados", "externalización de servizos" e "incumprimentos" do convenio.

"Aínda non sabemos cales son as reivindicacións exactas do comité de empresa, van mutando de semana a semana, creando inseguridades para a propia concesionaria e para o Concello e incertezas para a cidadanía", criticou, a respecto duns paros que anunciaron que serán indefinidos a partir de agosto. "O meu traballo non é reaccionar fronte a peticións inmediatas senón facelo con todo rigor e non ceder ante estes conflitos senón resolvelos para acabar cunha situación inxusta", recalcou, para engadir que "terminou o tempo das cesións e comeza o das solucións".

Contedores incenciados

Estas medidas, segundo argumentou, foron tomadas tras recompilar "nas últimas semanas todas as probas con informes policiais, ambientais e xurídicos" e despois dunha madrugada con máis dunha ducia de incendios de mobiliario urbano en distintos puntos da cidade. Tras producirse estes incidentes informou de que a Policía xa identificou catro persoas que forman parte do persoal polo seu suposto vínculo cos lumes.

"A miña máis absoluta condena e rexeitamento aos actos violentos desta noite", insistiu a rexedora, para apuntar que os danos provocados no mobiliario urbano desde que comezou a folga ascenden a "perto de 250.000 euros". "Atentar contra o patrimonio público e pór en risco a vida dos cidadáns excede calquera tipo de reivindicación", apostilou. Por iso, anunciou un "reforzo da vixilancia policial" ante a devandita situación.