Eleccións Europeas 9-X

A ultradereita tamén medra na Galiza: 6,3% dos votos foron para Vox e Alvise

Jorge Buxadé, de Vox, e Alvise Pérez, de SALF. (Fotos: Europa Press)
SALF estréase no país con 2,03% dos sufraxios, con perto de 23.000 papeletas, unhas mil máis que as conseguidas por Podemos, que fica por baixo do 2%.

Galiza non é allea á vaga reaccionaria que percorre todo o continente europeo. As eleccións deste domingo reflicten unha considerábel repunta das formacións ultradereitista tanto no conxunto do Estado español como no caso galego en concreto, cuns resultados que superaron as previsións iniciais.

A nivel estatal, se Vox lograra 6,21% dos votos e catro escanos en 2019, agora incrementa en dous a súa representación e sobe até o 9,62%, case tres puntos e medio máis que cinco anos atrás. Mais non só a formación que encabeza en Bruxelas o ex falanxista Jorge Buxadé se sumará ao nutrido grupo de eurodeputados ultradereitistas na próxima lexislatura, pois desta volta irrompeu un novo actor na partida: Se Acabó La Fiesta.

A plataforma impulsada polo comunicador vinculado á ultradereita Luis Alvise Pérez, cuxa campaña lembrou especialmente ás técnicas empregadas polo 'trumpismo' e outros movementos ultras internacionais, conseguiu 4,59% das papeletas —uns 800.000 votos— e tres escanos, ficando só por baixo de PP, PSOE, Vox, Agora Repúblicas e Sumar —por esta orde— en votos.

E na Galiza, se ben a suba non é tan grande, ambas as formacións de ultradereita melloran os seus rexistros. SALF estréase no país con 2,03% dos sufraxios, con perto de 23.000 papeletas, unhas mil máis que as conseguidas por Podemos, que fica por baixo do 2%.

E Vox pasa do 2,59% de hai cinco anos a un 4,32% que lle permite pasar da sexta praza nos colexios electorais galegos á cuarta, só por baixo de PP, PSOE e Agora Repúblicas e por riba de Sumar, con 48.223 votos.