Unanimidade sobre unha proposta do BNG para dinamizar a participación cidadá no Parlamento

Presentación dunha ILP

PP. AGE e PSdeG apoiaron a petición dos nacionalistas de reformar a lei que regula as ILPs para dar maiores facilidades e garantías. O portavoz do Bloque, Francisco Jorquera, advertiu ao PP de que non tente ''desnaturalizar a proposta''.

Todos os grupos parlamentares deron o apoio á remuda da lei que regula as iniciativas lexislativas populares proposta polo BNG coa finalidade de procurar unha maior garantía e facilidades aos promotores. AGE, PSdeG e PP mostraron o seu apoio a esta iniciativa nacionalista. A voceira popular, Paula Prado, aproveitou a xogada para dicir que este apoio indicaba que o PP “non é sectario”, en contraposición ás actitudes “da esquerda”.

A iniciativa do BNG propón rebaixar das 15.000 actuais a 10.000 as sinaturas que fan falla para poder presentar unha ILP, que a idade para poder asinar sexa a partir de 16 anos, ben como diversas cuestións para axilizar os trámites das iniciativas. O portavoz do Bloque no Parlamento advertiu ao PP contra intentos de “desnaturalizar” esta proposta, durante o trámite parlamentar, através do debate das emendas parciais.

“Oportuna e interesante”

Para o PSdeG, a iniciativa é “oportuna e interesante”, en palabras de Beatriz Sestayo. O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, expresou o voto “inequívoco” a esta reforma e apuntou a que desde Alternativa achegarán propostas e ideas para a mesma.

A deputada do Grupo Mixto, Carme Iglesias, mostrou a súa preocupación polo “afastamento do pobo” da política e as institucións, e apoiou a iniciativa do BNG polo que implica de “máis democracia”.