A UPG reafirma a súa aposta na soberanía e na conquista da República Galega

Celebración dos 50 anos da UPG.

800 persoas acudiron ao Pazo de Congresos de Compostela para celebrar o medio século de existencia da UPG, nun acto reivindicativo que insistiu na vixencia do ideario do partido e no que se salientou a necesidade dun nacionalismo forte, co Bloque como referencia

Un acto político -de claro carácter reivindicativo pero no que tamén houbo lugar para as emocións- foi o formato utilizado pola Unión do Povo Galego (UPG) para celebrar o seu cincuenta aniversario, que se cumpre este 25 de Xullo e que festexou no Pazo de Congresos de Compostela, ante uns 800 simpatizantes.

Foron moitas as persoas que se subiron ao escenario para tomar a palabra, co secretario xeral da Unión da Mocidade Galega -Xacobe García- como introdutor. A primeira delas foi  Alba Castanedo -a militante máis nova- que achegou a visión da mocidade, a seguir de Pura Ferreño que fixo o mesmo desde o mundo labrego. Despois, dirixiuse aos presentes Suso Seixo, líder da CIG, que lembrou a importancia da clase obreira e do marxismo dentro da UPG e arrincou unha enorme ovación ao citar a “Henrique e Miguel, compañeiros de Citröen en folga de fame”.

Francisco Rodríguez asegurou que "para sobrevivir, Galiza precisa o nacionalismo como un sedento necesita beber"

A profesora Pilar García Negro denunciou “a colonización que sofre esta nación” e “a globalización que mata pobos” e considerou “revolucionario” o nacemento da UPG hai cincuenta anos. Pola súa parte, o ex-secretario xeral do partido, Francisco Rodríguez, pediu “non sucumbir á marea confusionista se queremos que Galiza non desapareza”. “Para acadar ese obxectivo necesitamos nacionalismo organizado como un sedento precisa beber”, engadiu. Así mesmo, Rodríguez pediu “ampliar o movemento nacionalista” -algo que pensa que pasa por fortalecer o BNG- e incorporar ao mesmo a todo o que se mova “en chave de defensa do país”.  

Bautista

Nun acto no que tamén estivo o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, unha das intervencións máis emotivas para @s presentes foi a dun dos fundadores da organización, Bautista Álvarez, que acusou a “aqueles desertores que seica perseguiron a súa liberación persoal pero non a do seu país”. “Para unha nación sometida como a nosa non existe democracia nin antes con Franco nin despois coa monarquía”, engadiu un dos principais referentes históricos do nacionalismo galego, que tamén dixo que “a descolonización da patria comeza pola descolonización das mentes”.

Néstor Rego reivindicou aos presentes como "herdeiros de Bóveda, non do Filgueira que se puxo ao servizo dos seus asasinos"

Por último, o actual secretario xeral da UPG, Néstor Rego, comezou o seu discurso pedindo un “futuro distinto, de liberdade para a nosa patria”. “É preciso rachar coa dependencia para no futuro construír unha sociedade socialista. A República de Galiza non é unha utopía, senón unha absoluta necesidade para o noso país”, explicou o dirixente nacionalista, que situou aos que alí estaban como “herdeiros de Alexandre Bóveda, non do Filgueira Valverde que se puxo ao servizo dos seus asasinos”.