A UPG homenaxea o seu fundador Bautista Álvarez

Homenaxe a Bautista Álvarez no cemiterio San Cibrao das Las, no concello de San Amaro, na comarca do Carballiño. (Foto: Nós Diario)

A Unión do Povo Galego (UPG) homenaxeou na tarde deste sábado 14 de setembro a Bautista Álvarez no cemiterio San Cibrao das Las, no concello de San Amaro, na comarca do Carballiño.

O 16 de setembro de 2017 falecía Bautista Álvarez, fundador, dirixente e presidente da Unión do Povo Galego durante décadas. Coincidindo co próximo VII cabodano do seu pasamento, o seu partido lembrou a esta figura chave do capítulo contemporáneo do nacionalismo galego, que coa súa traxectoria  exemplificou a vontade de ser e existir de Galiza como nación e os esforzos erguer un movemento político socialmente activo cun corpo doutrinal á altura dos tempos.

Álvarez, fundador, tamén, do BNG, membro da súa dirección e deputado en varias lexislatura foi, sobre todo, un militante nacionalista, que fixo do servizo á causa dunha Galiza plena a razón de ser da súa existencia. Neste sentido, padeceu cárcere durante a ditadura en diversas ocasións, sufriu torturas, viviu incomprensións e desercións, discrepou, argumentou e debateu con paixón mais viviu e morreu co convencemento de estar situado no lado correcto da historia.

Os actos de lembranza a Álvarez comezaron ás 17:30 no cemiterio San Cibrao das Las. Alí, tomou a palabra o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, quen sinalou que “patriotas como Bautista asumiron a responsabilidade de comezar de novo a tarefa esgazada no 36. Para iso tamén tiveron que ollar atrás e traer canda si Castelao, Bóveda e o legado dos mortos, asasinados, exiliados ou condenados ao ostracismo por verdugos ou renegados”.

A loita lingüística

Maceira significou o compromiso lingüístico de Álvarez. Neste punto, afirmou que “como tantas veces deixou escrito Bautista, non hai acción de goberno nacionalista onde non se actúa decididamente para garantir a presenza do noso idioma en todos os espazos, for nos campos de fútbol, nos servizos públicos ou na administración”. Neste punto, indicou que a lingua “non é un accesorio do programa nacionalista”.

Renunciar ao idioma é renunciar a defender a posibilidade de Galiza existir como nación con futuro e capacidade de se desenvolver por si propia” afirmou Maceira, quen lembrou que “a loita pola lingua, a súa defensa e normalización social non está desligada da defensa e desenvolvemento xeral da nación”. Neste punto, lembrou de Álvarez no impulso aos cursos de galego a finais dos anos 50 e primeiros 60.

O presidente da Mesa rematou asegurando que “Bautista tiña claro que a situación do idioma reflicte perfectamente o estado da nación e que romper a subordinación de Galiza era romper a subordinación do idioma”. Nesta liña, reivindicou a vixencia da súa figura porque “o seu exemplo e a súa perserverancia patriótica e revolucionaria, a súa integridade e lealdade ao proxecto de liberación nacional continúa vivo no pensamento e na acción de miles de nacionalistas”.

'Terra e Tempo'

A xornada de lembranza ao dirixente nacionalista falecido en 2017 rematou coa presentación do último número da revista Terra e Tempo, dedicado a Asemblea Nacional-Popular Galega onde Álvarez exerceu como responsábel desde a fundación en 1975 até agosto de 1977.

Presentación do Terra e Tempo. (Foto:Nós Diario)

A presentación da publicación da Fundación Terra e Tempo desenvolveuse Centro de Interpretación do Castro de San Cibrao das Las e nela tomaron a palabra o presidente da entidade, Francisco Rodríguez, a militante nacionalista e dirixente da AN-PG en Ourense, Xela Fernández, e o responsábel de política municipal da AN-PG e conselleiro de Medio Rural durante o Goberno bipartito, Alfredo Suárez Canal.