POLÍTICA

Vázquez e Besteiro xa preparan as primarias do PSOE galego

Oficialmente recoñecidas ambas as candidaturas, o presidente da Deputación de Lugo conta con vantaxe sobre o alcalde da Illa, pero este obtivo un importante apoio na provincia de Ourense d@s partidari@s de Pachi Vázquez. 

O presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez, serán os candidatos ás primarias consultivas que o PSOE galego celebrará en setembro para elixir un novo secretario xeral que logo será ratificado en Congreso, unha vez que a dirección do partido confirmou que ambos os dous reuniron os avais necesarios para presentarse.

Das 5.473 sinaturas presentadas por Besteiro, foron válidas 5.189, toda vez que 84 estaban repetidas, 191 procedían de persoas que non son militantes e outras nove avalaran tamén a candidatura do rexedor arousán, que dos 1.422 avais que entregou na sede da formación 1.307 eran correctos, xa que, ademais dos nove duplicados, 22 estaban repetidos e 84 persoas non constaban no censo do PSdeG.

A campaña empezará o 28 de agosto e concluirá o 6 de setembro, un día antes da votación, que se celebrará nas sedes do partido entre as 12.00 e as 20.00 horas. Onde haxa menos de cinco militantes socialistas, estes haberán de trasladarse á agrupación máis próxima para votar

En vista do número de avais recibidos e dos apoios colectivos -como o das agrupacións da Coruña e Vigo- Besteiro é o gran favorito para gañar as primarias consultivas, se ben Manel Vázquez espera aproveitarse da campaña para gañar adeptos dado o seu limitado perfil público na actualidade. O alcalde da Illa obtivo un importante pulo na provincia de Ourense por parte dos partidarios do actual secretario xeral, Pachi Vázquez, no que pode interpretarse como unha toma de posición para manter influencia, unha oposición ao aparato que pode representar Besteiro ou mesmo simplemente o desexo de que se celebrase a elección interna e evitar unha candidatura única como en Andalucía, xa que Pachi quería deixar a participación d@s afiliad@s como legado da súa etapa.