Vence afirma que “defender o dereito a decidir é defender os dereitos sociais”

Vence

O líder nacionalista chama á "xente moza" a sumarse aos actos que prepara o BNG o Día da Patria nun acto en Ferrolterra, comarca en crise que pon como exemplo da necesidade de soberanía.

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou en Ferrolterra nun acto festivo e reivindicativo dentro da campaña de celebración do Día da Patria que o BNG está a desenvolver polas distintas comarcas do país previa ao propio 25 de xullo, que conmemora baixo o lema “En pé por Galiza. Soberanía, dereitos, democracia”.

O dirixente nacionalista convidou a toda a cidadanía, en particular á “xente moza”, a saír a rúa “en defensa do dereito a decidir de Galiza” que, dixo, “é o mesmo que saír a defender os dereitos sociais, laborais e os servizos públicos postos en solfa polas políticas de recorte do PP.”

Dereitos

“O 25 de xullo temos que vencellar directamente a reivindicación nacional coa reivindicación dos dereitos democráticos que están sendo arrasados polo PP e en particular cos dereitos sociais que están sendo atropelados polas políticas regresivas e neoliberais do PP, que están esnaquizando os nosos servizos públicos e levándonos a un réxime laboral de absoluta precariedade, eliminando os dereitos dos traballadores”, argumentou Vence diante de varias decenas de militantes.

Ademais, o dirixente nacionalista puxo a comarca de Ferrolterra como “exemplo claro de que "necesitamos soberanía para desenvolver o noso sector naval, para desenvolver industria e crear emprego”, concluíu.