Vence aposta por que Galiza participe de procesos como o catalán e o escocés

Vence, nun acto do BNG pola soberanía.

O BNG realizou un acto en Compostela en apoio á soberanía dos pobos, no que tamén houbo lugar para as críticas a Feijóo, ao que se cualificou de “chulapote entregado a Madrid”.

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, apostou nun acto da súa formación en Compostela por incluír a Galiza  no proceso soberanista iniciado por nacións como Catalunya ou Escocia xa que "o desenvolvemento do país, da economía produtiva, a creación de emprego e a verdadeira saída da crise" pasa por "ter máis ferramentas para decidir". Con bandeiras dos países que máis claramente simbolizan agora o desexo de autodeterminación e a galega en primeira liña, o líder do Bloque tamén tivo palabras para a Xunta, o PP e, á vez, reivindicando á súa forza política: “O BNG é o motor ilusionado para construír o futuro para esta nación e para sacar do poder a ese mercenario de Feijóo, chulapote de barrio entregado servilmente aos lobbies de Madrid”.

Camiño propio

Volvendo ao soberanismo, Vence dixo: "Compartimos os desexos do pobo catalán e escocés porque sabemos que o seu éxito, a súa vitoria, dará forzas e ilusión ao pobo galego para percorrer o seu propio camiño", manifestou no acto no que tamén participou a secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda, antes de asegurar que o percorrido polo dereito a decidir en Galiza será "ao ritmo que o pobo queira". Neste sentido, considerou que o país "tamén quere estar neste proceso" porque "é consciente" de que "o desenvolvemento da súa economía produtiva, a creación de emprego e a verdadeira saída da crise pasa por ter máis ferramentas para decidir".