Vence presenta o BNG, ''corazón da Galiza rebelde'', como antídoto á Europa da Troika

bng

O portavoz nacionalista chama á ''mobilización cidadá'' arredor da candidatura do Bloque para as eleccións europeas. 'Corazón en Galiza, futuro na Terra. Rebélate polos teus dereitos!' é o lema da campaña.

 

Estar en Bruxelas para defender os intereses e necesidades de Galiza, porén tamén para achegar máis unha voz, e esta en chave galega, para revirar a Europa dos mercados e a Troika en prol dun Europa dos pobos e das maiorías sociais. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e a cabeza de lista na cita do 25 de maio, Ana Miranda, defenderon a importancia de que a cidadanía galega “se mobilice” nestes comicios europeos e o faga arredor da proposta do Bloque.

“Aspiramos a ter recoñecemento pleno en Europa,sen os filtros de Madrid”

“Europa toma decisións que afectan o noso día a día, no comercio, no aspecto financeiro, como os tipos de xuros que pagamos pola hipoteca, decisións que condicionan o desenvolvemento do noso sector agrario, pesqueiro, da industria, da política de investigación. O que decide Bruxelas condiciona case todos os aspectos da nosa vida”, expliou o portavoz nacional, Xavier Vence, nun encontro cos medios na Nave de Vidán (Compostela).

Por iso, salientou o voceiro nacionalista, é de gran importamcia “colocar unha voz propia na Eurocámara que represente directamente o país porque nos xogamos moito nestas eleccións, porque aspiramos a ter recoñecemento pleno en Europa, sen os filtros de Madrid que impiden que os nosos intereses cheguen sen intermediarios ás institucións da UE”, argumenta o dirixente nacionalista”.

"Apelamos a esa Galiza que se rebela e loita por defender os seus dereitos"

Rebelión, desde o corazón e cos pés na Terra

'Corazón en Galiza, futuro na Terra. Rebélate polos teus dereitos!' é, dixo Vence, o lema desta campaña para as europeas. E explicou o porque desta palabra de orde: “Apelamos a esa Galiza que ser rebela e loita por defender os seus dereitos e as conquistas sociais, e facémolo apelando á entrega plena do BNG co país porque queremos ser o corazón desa Galiza rebelde, que a cidadanía se sinta identificada coa defensa do seu futuro e do país. Por último, facemos esa apelación a ter futuro digno na Terra porque 100.000 mozos e mozas tiveron que emigrar nos cinco anos de Goberno de Feijóo”.