Vence cualifica a Cañete de candidato dos latifundistas andaluces e antítese do agro galego

O portavoz nacional do BNG di que o currículo do candidato do PP ás eleccións europeas non pode ser máis negativo para Galiza: o boicote do traslado de Ence, 300 millóns de euros menos da PAC para o noso país, ou expulsión da frota galega de caladoiros.

Que o ministro Arias Cañete encabece a lista do Partido Popular ás eleccións europeas do 25 de maio non é só a aposta por un candidato da absoluta confianza de Rajoy e responsábel de políticas nefatas. É, no caso de Galiza e en palabras de Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, todo “un desprezo”

Vence considera que “Cañete personifica os intereses desa aristocracia terratenente andaluza, as políticas que discriminan ao noso sector agrario e pesqueiro, é a cara que mellor representa esas políticas agresivas que estrangulan a capacidade dos nosos sectores produtivos”. Unha candidatura, ademais, que “evidencia” que os intereses de Galiza “non contan para o PP”

O cuñado de Rajoy


Que a representación de Galiza nesa candidatura “se limit ao cuñado de Rajoy que nesta lexislatura se preocupou de temas tan importantes para Galiza como a unión do Mediterráneo ou o aceite de oliva” é unha mostra para Vence de que o PP galego non conta en Madrid. 'E unha humillación para Feijóo”.

Na súa comparecencia ante a prensa, o portavoz do BNG fixo un repaso polo que tildou de “folla de servizos” de Arias Cañete a Galiza: Un reparto dos fondos agrarios a beneficio dos grandes terratenentes facendo que Galiza perda 308 millóns de euros, o boicot a crear un fondo lácteo galego para compensar aos produtores polos 200 millóns de euros investidos na compra de cota de leite, que será papel mollado a partir de marzo de 2015, ou a súa negativa a fixar prezos mínimos para evitar vender por debaixo dos custes de produción.