Vence homenaxea a Bóveda e denuncia “os 20.000 millóns que emigran de Galiza”

Homenaxe a Bóveda.

O BNG aproveitou os actos do Día da Galiza Mártir para criticar o “espolio fiscal” ao que considera sometido o país e lembrar a “clarividencia” das análises económicas do galeguista asasinado polo fascismo.

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, criticou que Galiza estea "sufrindo a perda do control" das antigas caixas de aforros galegas e culpou á banca foránea de exercer un "control financeiro" cuxa consecuencia é que Galiza “perda 20.000 millóns de euros ao ano de aforro que emigra a outras latitudes".

Vence asistiu xunto a decenas de persoas -entre elas unha importante delegación de Galiza Nova- en Poio (Pontevedra) aos actos de homenaxe do Bloque a Alexandre Bóveda dentro da celebración do Día da Galiza Mártir, no cal ofreceu un discurso no que acusou tamén ao Goberno Central de someter a Galiza a un "expolio fiscal" que durante o último ano provocou a perda de 1.322 millóns de euros "por culpa dun tratamento fiscal discriminatorio". “Utilizan recursos fiscais obtidos aquí para financiar proxectos do Goberno Central, pero non para Galiza", engadiu.

"Bóveda puxo os intereses de Galiza por riba de calquera outra cousa" lembrou o voceiro nacional do Bloque

Xavier Vence referiuse a Bóveda como unha "referencia para o país" pola súa "entrega e paixón" na defensa dos intereses de Galiza "por riba de calquera outra cousa". Neste sentido, para o portavoz nacional do BNG, existe "unha enorme débeda con Bóveda" e con outros contemporáneos seus que "defenderon o pensamento nacionalista na República e foron perseguidos e fusilados polo réxime franquista".

Nesa liña, o líder do BNG asegurou que o pensamento político e económico de Bóveda segue "máis vigente que nunca", xa que o galeguista -asasinado polo fascismo o 17 de agosto de 1936- foi un "exemplo de clarividencia" pola súas teorías sobre a creación das caixas galegas "como instrumento para o financiamento das clases populares, para nacionalizar o aforro e canalizalo no investimento e o crédito dentro do país".

Pola súa parte, a Fundación Alexandre Bóveda, por medio de Valentín García, pediu de novo apoios para "institucionalizar" o Día da Galiza Mártir. Outras forzas, como Compromiso por Galicia, tamén homenaxearon a Bóveda.