Vence: ''É unha pena que se aposte en reforzar o proxecto de forzas estatais''

O voceiro nacional clarifica que o BNG respecta a decisión de Anova, “son as súas decisións e son as súas responsabilidades'', mais lamentou que non se apostase en reforzar ''o polo do nacionalismo de esquerda''.

Respecto para a decisión de Anova de concorrer ás eleccións europeas integrada na listaxe en IU, mais tamén pena polo que iso supón de non apostar en reforzar o nacionalismo galego e si “en reforzar o proxecto de forzas estatais”. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence valorou o referendo de Anova deste domingo a preguntas dos xornalistas cando estaba nun acto de homenaxe a Rosalía en Carballo.

“A cidadanía galega (...) ten a garantía de que ese proxecto nacionalista e de esquerdas existe e esta aí, é o proxecto do BNG”

Vence quixo deixar claro que desde o BNG “non podemos máis que respectar as decisións democráticas das distintas formacións políticas”. “Son as súas propias decisións e as súas propias responsabilidades”, engadiu. Mais o portavoz nacional si fixo unha “valoración política” da decisión, considerando que “é unha pena que se aposte en reforzar o proxecto de forzas políticas estatais, neste caso de Esquerda Unida, en vez de apostar por reforzar o que Galiza necesita, que é un nacionalismo de esquerdas forte e potente”.

Nacionalismo como resposta desde Galiza contra a Troika

Unha esquerda nacionalista, proseguiu, “que leve a Galiza e os problemas de Galiza, da sociedade galega, da nosa economía, da nosa xente, dos que están sufrindo as consecuencias das políticas desastrosas da troika e da UE. Cremos que é unha pena que non aposten en reforzar ese polo que representa o nacionalismo galego de esquerdas”.

“Cada un que dea conta das súas responsabilidades no presente e no futuro de cara ao país”

Iso si, independentemente da decisión de Anova, sostén Xavier Vence, “a cidadanía galega e a base social do nacionalismo de esquerdas deste país, teñen a garantía de que ese proxecto existe e esta aí, é o proxecto do BNG”. Un proxecto que o portavoz cualificou como “aberto a toda a sociedade e inclusivo para todo o nacionalismo de esquerdas”, e que vai ser quen garanta “esa presenza de Galiza en Europa a través da nosa propia candidatura ás eleccións europeas. Os demais, cada un que dea conta das súas responsabilidades no presente e no futuro de cara ao país”.