Vence propón a Besteiro, Beiras e Díaz negociar unha postura común ante o recorte do PP ao Parlamento

Xavier Vence [Imaxe: SG]

O portavoz do BNG remitiu unha carta aos voceiros de PSdeG e AGE convidando a falar para activar unha ‘’ fronte común ante a contrareforma involucionista” do Partido Popular. 

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, remitiu unha carta aos responsables das restantes forzas políticas no Parlamento para iniciar “canto antes” os contactos para negociar unha “posición común” ante o proxecto de recorte de escanos na Cámara galega que impulsa “unilateralmente” o PP.

Na misiva enviada esta semana a José Ramón Gómez Besteiro, Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, (PSdG-PSOE, Anova Irmandade e EU) Vence propón “un encontro a nivel parlamentario para pór en común as propostas de todas as formacións políticas e, desde o diálogo, chegar a unha posición común”. Este encontro terá lugar a vindeira semana no propio Parlamento .

Importancia

“Dada a importancia do asunto e desde a certeza de que compartimos a esencia dos obxectivos, propoñemos iniciar un diálogo con todas as forzas políticas de cara a conformar unha fronte común que se plasme nunha alternativa ao recorte do Parlamento que pretende o PP”, explica o portavoz nacionalista no escrito.

Vence salienta ademais o seu convencemento de que esa fronte común é o que espera a cidadanía: “A sociedade galega agarda que evitemos esa contrarreforma involucionista, e contrastar as nosas propostas para elaborar unha posición común permitiríanos gañar en eficacia política para conseguilo”.

“Non é unha simple redución de escanos”

A proposta do PP que preside Alberto Núñez Feijóo “ten unha repercusión que vai máis aló dunha redución de escanos, pois afecta directamente á estrutura institucional do País, á calidade democrática, ao autogoberno e ao peso político de Galiza no conxunto do Estado e consolida un sistema electoral con enormes desequilibrios”.

Neste sentido, o BNG propón unha modificación da Lei Electoral para evitar ese desequilibrio. Na proposta da fronte nacionalista fálase de supresión das deputacións, que contabilizan un gasto de persoal de 131 millóns de euros anuais, a administración periférica do Estado, -delegación do goberno e ministeriais-, cun aforro de 40,5 millóns ao ano, os asesores nomeados a dedo polo presidente da Xunta, sen descartar tampouco recorte de gasto no Parlamento, empezando polo Mesa da Cámara e o salario da Presidencia.