VÍDEO | Besteiro convértese en cociñeiro: así é o polo que prepara para o Fin de Ano

O socialista José Ramón Gómez Besteiro na súa cociña (Foto: Nós Diario).
O candidato á Presidencia da Xunta da Galiza polo PSdeG nas elección do 18 de febreiro, José Ramón Gómez Besteiro, comparte unha receita nas súas redes.

Polo ou capón de Fin de Ano, ese é prato escollido por José Ramón Gómez Besteiro, o candidato á Presidencia da Xunta da Galiza polo PSdeG nas elección do 18 de febreiro, para a cesa desta Noitevella que pon fin ao ano 2023.

Coa colaboración dos seus fillos nas cámaras, non dubidou en explicarlle aos galegos e ás galegas a través das súas redes sociais como se prepara a receita que levan tres ou catro anos degustando na súa casa o 31 de decembro.

“Cunha receita de Robin Food (cociñeiro vasco), quero homenaxear a todas e todos os que vos toca cociñar nas festas familiares, coma a de hoxe”, afirmou o socialista. “A min sempre me toca”, apostilou o candidato do PSdeG destacando as súas dotes de cociñeiro.

Un prato moi sinxelo de preparar, segundo Besteiro, mais que aínda así, require de horas de antelación para que poida chegar á mesa, posto que o polo ou capón debe estar 10 horas collendo sabor antes de continuar co resto das preparacións.

Ademais de diversas verduras, o caldo ou a mazá raiada, o “ingrediente segredo” da receita de Besteiro para a cea de Fin de Ano é o chocolate negro, nunha atrevida combinación co polo ou capón, mais que segundo o candidato socialista, deixa con moi bo sabor de boca.

O toque doce para un prato salgado, outro dos ingredientes curiosos da aposta culinaria do líder do PSdeG, vén da man do mel, especificamente do Valadouro, que engadiu cando o caldo comezaba a facer o ‘chup-chup’, xusto antes que o chocolate negro.

“Este si que non é de aquí, o chocolate negro, todo o resto é noso”, concluíu Besteiro, que quixo con esta receita pór en valor os produtos galegos para desfrutar na cea de Fin de Ano. Así, converténdose en cociñeiro nas redes sociais, despediu o ano o candidato socialista á Presidencia da Xunta.