Vigo, primeira praza onde PSOE e PP escenifican a 'Grosse Koalition'

O BNG vaticina que as contas van ''hipotecar'' a cidade e que deixan á marxe emprego e servizos públicos.

 

O pacto orzamentario entre o goberno local de Vigo (PSOE) e PP escenificouse esta segunda feira no Pleno municipal. Ambas as dúas formacións deron o visto bon a unhas contas para 2014 que foron negociadas nestas últimas semanas nun ambiente que, tanto socialistas como populares, cualificaban de “camaradexe” e de “sintonía”. Con estes vimbios, o principio de acordo para aprobar os orzamentos vigueses foron para o alcalde, Abel Caballero, un sinal de que tería tranquilidade até final de mandato.

Tranquilidade no que se refire ao PP, porque desde o BNG xa se cualificaron estas contas como unha “hipoteca” para a cidade. A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, manifestou hai uns días que o pacto orzamentario acadado entre o goberno local e o Partido Popular “condena a Vigo a sofrer as políticas do PP logo de que Abel Caballero as asumise vendendo ‎a cidade por uns orzamentos”. O pacto “afonda no reparto inxusto dos recursos públicos, quitándollos a quen máis os precisa mentres se lle baixan os impostos a quen máis ten”.

“Inviábel”

Iolanda Veloso lamenta que que o papel de motor económico que debería xogar Vigo na súa área de influencia “resulta inviábel logo de que o PP e o PSOE dediquen os seus orzamentos a usos partidistas, electoralistas e improdutivos”.

No debate, a tenente alcalde socialista, Carmela Silva, criticou a portavoz do BNG por pasar fins de semana “nunha cidade do norte”. Aseveración que deixou pampos a non poucos dos presentes.