Villares chama a Feijóo “escapista” por non asumir as súas responsabilidades en materia de incendios

Apresentación En Marea na Coruña

Durante a apresentación da candidatura por A Coruña de En Marea ao Parlamento da Galiza, Luís Villares cargou contra Feijóo por non ter asumido responsabilidades en materia de incendios. 

A maioría do PP no Parlamento impediu que Feijóo comparecese na cámara para dar conta da xestión da Xunta da vaga de incendios ao rexeitar as peticións de BNG, PSdeG e Grupo Mixto. Por este motivo, Villares puxo Feijóo no seu albo: “Temos un escapista, un covarde, que non asume a súa propia incompetencia”.

O candidato de En Marea divide a política galega en dous polos. Nun estaría En Marea, como "a ferramenta que este país necesita para solucionar os seus problemas”. Noutro extremo aparecería “o escapismo de Feijóo que na súa última feijoada atreveuse a culpar os concellos dos problemas dos incendios despois de incumprir o seu propio plan forestal, de precarizar e privatizar o servizo de extinción, ou abandonar a prevención centrándose case en exclusiva na extinción”.

Villares cualifica En Marea como "a ferramenta que este país necesita para solucionar os seus problemas"

Estirou a imaxe do escapismo Villares para o aplicar tamén ao aumento da débeda pública (triplicouse) durante os xa 7 anos de xestión do líder conservador. “A Feijóo escápanselle tamén os cartos. Así disparou a débeda pública galega a límites vergoñentos, se lle escaparon os aforros das galega e galegos despois de ter investido cartos públicos nas bancas galegas”, engadiu.

No acto de apresentación da candidatura tomaron tamén a palabra Antón Sánchez, número 1 pola circunscrición; Luca Chao, 3; Magdalena Barahona, 4, e o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro.