Balanzo

Villares contrapón os "100 días de alternativas de En Marea" aos "100 días de propaganda" de Feijóo

"Estamos ante un goberno absolutamente gris, con pouca capacidade e mandado", afirmou Luís Villares. Mandado pola súa submisión a Madrid como revelaría a súa actitude perante o goberno do Estado en asuntos como a transferencia da AP9 ou a conclusión das obras do AVE.

A folla de servizos que pode apresentar Feijóo nos primeiros 100 días do seu terceiro mandato é "un balanzo pobre", demostración de que "o mito da eficacia do PP non é máis do que iso, un mito e moita propaganda".

Face esa ausencia de balanzo de xestión, En Marea contrapón "100 días de alternativas". O que tenciona a confluencia é combinar o protesto e a denuncia "cunha política en clave positiva e construtiva", que se desenvolve quer entre os muros do Pazo do Hórreo quer no exterior do Parlamento. E nese sentido Villares aludiu expresamente á participación de parlamentares de En Marea na manifestación das Mareas pola Dignidade realizada este sábado na Coruña en demanda de mellores servizos públicos e, en concreto, en defensa do sistema público de pensións. 

No plano da denuncia, Villares criticou o que cualificou de "intolerábel perda de poder adquisitivo das nosas pensionistas", retroceso que situou en 273 euros anuais, por volta de 23 ao mes. "O goberno [estatal] levou a cabo unha subida raquítica do mínimo legal, 0,25 por cento mentres o IPC inter-anual subiu  3,2 por cento, o que significa unha perda de 2,95 por cento", relatou o portavoz parlamentar da confluencia.

No plano das propostas, puxo en destaque a formulada en relación ao teito de gasto ("feita dentro dos marcos legais" visando estimular a economía produtiva e o investimento social) ou as iniciativas en materia de financiamento autonómico, para dotar de maiores recursos á Administración galega.