Villares exemplifica coa súa candidatura por Lugo o compromiso da Marea "co equilibrio territorial"

Candidatas de En Marea con Luís Villares ao fronte

É tradición que os candidatos á presidencia da Xunta se apresenten por A Coruña. Luís Villares racha con esa práctica, un aceno político que, di, pon de relevo o compromiso da Marea "co equilibrio territorial e a solidariedade en clave de país".

Villares é o candidato da Marea á presidencia da Xunta e éo como número 1 da lista pola circunscrición de Lugo. O home de consenso das Mareas estivo hoxe na cidade da muralla para apresentar a candidatura, nun acto no que tamén estiveron presentes os números 2, 3 e 4 da lista, Paula Vázquez Verao, Víctor Andrés Álvarez e María Isabel García Díaz.

O cenario simbólico para a realización deste evento foi a Porta Miña, a máis antiga da muralla de Lugo. Nese marco Villares expresou: "O noso compromiso territorial é real, o feito de que me presente por Lugo sendo candidato á presidencia da Xunta de Galicia (sic) ten moito que ver coa miña traxectoria vital, pero sobre todo co compromiso da Marea galega co equilibrio territorial e a solidariedade en clave de país".

Todo discurso ten os seus mantras e o de Villares non é unha excepción. Nel altérnanse dúas palabras de orde: clave de país e clave de xustiza social, os dous eixos sobre as que Marea quer construír o seu relato na carreira que nos levará até o 25S.

"Queremos ser hexemónicos politicamente, xa o somos na sociedade e tamén queremos selo electoralmente", dixo

Villares sacou peito para defender que as listas da Marea "conteñen todos os integrantes necesarios para ser as listas para o cambio" e definiu un obxectivo cheo de ambición para a súa candidatura: "Queremos ser hexemónicos politicamente, xa o somos na sociedade e tamén queremos selo electoralmente", dixo. Esta frase -"xa o somos na sociedade"- abeira a euforia tendo en conta que no último test eleitoral, as xerais de xuño, En Marea retrocedeu nas urnas (cedeu un deputado e un senador), mentres que o PP obtivo a maioría absoluta da representación galega quer no Congreso quer no Senado.

Tamén houbo espazo para as propostas na intervención de Villares, en concreto dúas, a constitución dun grupo lácteo galego e a demanda dunha banca pública para Galiza.