Villares insta os sectores críticos a que expliquen por que decidiron "autoexcluírse" da executiva

Luís Villares

Villares mantén a posición e pasa ao contra-ataque. Face aos ataques dos sectores críticos, que o acusan de rachar o consenso, o portavoz de En Marea ínstaos a que expliquen por que decidiron "autoexcluírse".

Nunha entrevista en RNE este domingo, o portavoz orgánico de En Marea defendeu en todo momento a tese de que as correntes críticas -a Anova oficial, o Podemos crítico con Carmen Sánchez, Esquerda Unida e Marea Atlántica- non foron excluídas da proposta de Coordenadora (executiva), senón que foron elas as que decidiron ficar á marxe da dirección.

"Non é que fosen excluídos, foi unha renuncia", dixo o tamén portavoz parlamentar da confluencia.

Villares explicou que en primeira instancia a nova maioría dentro do partido instrumental (a que conforman os independentes que lle son leais máis as correntes Somos Quen e Queremos Participar) tentou conformar unha proposta de dirección que incluíse "todas as voces que forman o espazo de confluencia" dentro da coordenadora. O intento non prosperou porque houbo quen "decidiu autoexcluírse". "É unha decisión de quen o fai, mais non é que fosen excluídos; foi unha renuncia [...] Os que decidiron non estar terían que dicer por que".

O debate interno no Consello das Mareas do domingo 2 de abril, revelou Villares, xirou a respeito de que criterios se debían aplicar á hora de conformar a coordenadora. Nese sentido, o flamante portavoz afirmou: "Había compañeiros que preferían outra composición que non fose proporcional, mais os estatutos nos obrigaban a iso", dixo.

"As visicitudes internas de cada organización non poden influír nas decisións de En Marea"

A aplicación da proporcionalidade pura resultou nunha Coordenadora con 6 membros para Máis Alá -todos eles villaristas-, 3 para Somos Quen e 2 para Queremos Participar. Esa foi a chave que lle permitiu ao ex xuíz gañar o apoio da corrente dirixida por Davide Rodríguez -parlamentar do sector crítico de Anova- e daquela que se nuclea arredor da Cerna de Mario López Rico.

Villares enarborou en todo momento a bandeira da súa condición de independente e do carácter de En Marea como partido instrumental, un modelo en que os partidos pre-existentes deben se facer a un lado e se conformar con xogar o rol de "motores auxiliares".

"As visicitudes internas de cada organización non poden influír nas decisións de En Marea. Unha parte de En Marea que somos independentes queremos que isto funcione. Non podemos condicionar o seu funcionamento a dinámicas internas de partido", dixo. "As persoas que non militamos noutra organización temos a obriga de representar En Marea", engadiu.