Di que só se referían ao "candidato de En Marea"

Villares lamenta que os medios públicos “non dixeran o meu nome”

Luís Villares

Tempo e transmitir “determinadas cuestións”. Isto é a xuízo de Luís Villares, quen foi candidato de En Marea á Presidencia da Xunta, o que lle faltou á formación política para obter mellores resultados o 25 de setembro.

O que foi candidato de En Marea a presidir a Xunta insiste en que os resultados da formación política son consecuencia da falta de tempo.“O proceso constituínte” debeu ter lugar antes e Feijóo “sabía que era unha debilidade e por iso adiantou as eleccións”, afirmou nunha entrevista concedida a Radio Galicia-Cadena Ser. Aliás, sinalou que a En Marea faltoulle “transmitir determinadas cuestións á sociedade”.

Fixo alusión ao seu papel no debate a cinco da TVG, “aínda estaba algo nervioso, pero era tamén consecuencia da frescura de que estaba recentemente iniciado na política”. Outra xente, afirmou, encetou o seu camiño “de forma gradual”, mais el “saltou directamente” á carreira pola Presidencia do Goberno galego. “Ese cambio foi moi grande”, engadiu.

Villares salientou que se enfrontou a un eleitorado que “valora moito o coñecemento”. “É un hándicap que tiña eu como candidato e En Marea tamén como proxecto” e a iso “non axudou que os medios de comunicación públicos non dixeran o meu nome e se referiran só ao candidato de En Marea”, lamentou.

A respeito de Alberto Núñez Feijóo, amosouse convencido de que non rematará a lexislatura, “xa manifestou por activa e por pasiva en primavera que o seu desexo non era quedarse”. “Obrigárono”, salientou, “case polas orellas”.