DPG2017

Villares deixa unha mensaxe de unidade: "No espazo da fraternidade todas e todos collemos"

Un momento do acto da confluencia

Villares fixo unha chiscadela ás mareas municipalistas no seu discurso do Día da Patria. O seu traballo, dixo, é quen de tornar "a desilusión" en "esperanza". Expresouse nestes termos durante o primeiro acto de En Marea como tal nun Día da Patria Galega.

A estrea de En Marea como forza política nun Día da Patria Galega -en 2016, recén constituída, non chegou á cita- foi un acto de formato modesto, na Finca de Vista Alegre. Alí, alén de actividades para crianzas, xantar e até unha jam sessiom para cantareiras, houbo espazo para a intervención política e, claro, para un discurso do líder recentemente re-eleito da formación, Luís Villares.

 

En Marea botou man dun símbolo, a árbore dos desexos, para visibilizar os seus principios e valores políticos, tamén os seus propósitos e obxectivos. O desexo de VIllares pendurado dunha póla reza: "Fraternidade e xustiza social", os dous conceitos sobre os que construíu o seu discurso este Día da Patria.

 

O acto, á semellanza do recente plenario da confluencia, estivo marcado polas ausencias de referentes das correntes críticas -Anova, Esquerda Unida e até Podemos Galicia convocaban os seus propios eventos- e, portanto, acabou sendo un encontro das e dos fieis de Villares. 

 

"A Galiza que queremos é unha Galiza aberta, democrática, solidaria, xusta, unha Galiza que non se conforma co que lle oferece, unha Galiza que non se resigna, que fala con ilusión e que fala con esperanza", afirmou Villares.

 

Se estivermos bem juntinhos, vai-se embora o mandador

 

O líder de En Marea non eludiu a difícil situación interna da confluencia e enviou unha mensaxe de unidade, a botar mao do cancioneiro de Fausto. "Dicía Fausto 'se estivermos bem juntinhos, vai-se embora o mandador' E ese é o desexo de unidade. Unidade infinda. No espazo da fraternidade todos e todas collemos. Ninguén sobra. Hai sombra e sol para todas e todos. Para construírmos mañá esa Galiza que queremos", alegou.