Vítimas do sinistro de Angrois cualifican de ''burla'' que José Blanco vaia na candidatura do PSOE

José Blanco

Vítimas do sinistro de Angrois cualifican de ''burla'' que José Blanco vaia na candidatura do PSOE a Europa pois considérano ''responsábel político'' do accidente ferroviario.

A Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 enviou unha carta ao secretario xeral do PSOE na que lle solicitan a Alfredo Pérez Rubalcaba que José Blanco non figure na candidatura d@s socialistas ás eleccións europeas. A xuízo destas vítimas, o ex-ministro de Fomento (que vai de 10 na listaxe á cita do 25 de maio) “non é merecedor de representar a ninguén” posto que é o “responsábel político” dunha traxedia onde faleceron 80 persoas.

Na citada carta sinalan que fan esa petición “en nome dos 80 seres humanos que xa non poderán votar nunca máis porque perderon a vida, entre outras cousas, polas mentiras e chafalleira xestión do señor Blanco”. “Se leva o señor Blanco como candidato, non merece a nosa confianza”.

Esta plataforma é unha das dúas que existen entre as vítimas do sinistro de Angrois do 24 de xullo de 2013. Piden ao secretario xeral do PSOE que exclúe a Blanco da candidatura. “Confiamos na súa sensatez e, sobre todo, na súa sensibilidade e no seu sentido da responsabilidade para impedir que o señor Blanco vaia nesa listaxe porque non é merecedor, ao noso xuízo, de ser representante de ninguén”