Von der Leyen abre a porta a actuar contra a Lei de amnistía mentres Rueda carga contra o BNG

Ursula von der Leyen con Alfonso Rueda na romaría do Partido Popular do Pino. (Foto:PP).

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, desembarcou este sábado na Galiza para apoiar a candidatura do Partido Popular ás eleccións europeas. A política alemá participou na tradicional romaría do Partido Popular coruñés no concello do Pino.

Ursula von der Leyen arrancou a súa axenda na Galiza cun encontro no Hostal dos Reis Católicos de Compostela co presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, e co mandatario galego, Alfonso Rueda.

Von der Leyen, quen foi increpada por algunhas persoas presentes na praza polo seu apoio a Israel, sinalou ao remate da reunión que a Unión Europea “actuará” se periga o Estado de dereito como consecuencia da aplicación da Lei de amnistía aprobada esta semana pola maioría do Congreso dos Deputados.

A política alemá apuntou que a Unión Europea é “unha comunidade de lei” e que “sempre actuou e actuará para protexer" a súa cidadanía cando eses valores "estean en perigo". Neste punto, puxo como exemplo dos valores comunitarios o Camiño de Compostela.

Un camiño de esperanza, un camiño baseado nos nosos valores comúns que son a pedra das nosas sociedades", afirmou Von der Leyen, quen destacou que "para completar o camiño necesitas coraxe, necesitas fe, necesitas resiliencia e necesitas bos compañeiros que che apoien ao longo desa ruta”

Alberto Núñez Feixoo comezou o actos dos populares no Pino agradecendo a Von der Leyen a súa presenza na Galiza. Neste sentido, afirmou “grazas por vir comprometerte co Estado de Dereito coa túa presenza aquí”.

Grazas por vir dicirnos que non estamos sós”, continuou Núñez Feixoo, quen insistiu “que os españois que defendemos os nosos dereitos democráticos e os que conservamos intactos os principios que nos converten nunha gran nación non estamos sós”.

O presidente dos populares españois centrou o seu discurso na Lei de amnistía. Nesta liña aseverou que “feriuse a nosa democracia. Hai un dano sen precedentes nos 46 anos de Constitución. Todo pola ambición dun só home. E por iso dicímoslle que non estamos de acordo”.

Alfonso Rueda

O mandatario galego, Alfonso Rueda, cargou na súa intervención contra o BNG. Neste sentido, reclamou o voto "para parar aos que queren illar Galiza e aos que aínda a estas alturas seguen falando de cousas como a autodeterminación dos pobos, temos que activarnos como nunca. Europa, España e Galiza meréceno".

Rueda chamou á mobilización dos populares. Nesta orientación, reclamou “pisar o acelerador" e apuntou que “non pode haber escusas, nin pereza, nin conformismo. Temos que demostrar o mesmo esforzo, as mesmas ganas e o mesmo impulso de sempre".