Da portavocía coral á voceiría unipersoal de Villares

Que votaron as bases de En Marea e que aprobou o Consello?

Un momento do plenario do 17 de decembro de 2016

O Consello das Mareas ignorou este domingo o mandato expresado polas bases na consulta de xaneiro. No máximo órgao da confluencia fraguouse unha alianza entre o sector pro-villarista de Máis Alá e as correntes organizadas Somos Quen e Queremos Participar. A candidatura Máis Alá tal e como concorreu ás primarias xa non existe.

O mandato das bases da confluencia nas primarias de xaneiro era nidio: maioría clara para Máis Alá (58,66 por cento dos votos) e o respaldo a un Documento Político que estabelecía unha portavocía coral -dúas mulleres e un home- e tornaba incompatíbeis para o cargo orgánico máis relevante os portavoces do Parlamento galego e Congreso dos Deputados, Luís Villares e Antón Gómez-Reino.

Foi o Plenario do 17 de decembro de 2016 -realizado en Compostela- o que decidiu que nas primarias as candidaturas en liza apresentasen unhas teses políticas.

"As candidaturas deberán presentar xunto coa lista de candidatas un documento político que conteña unha proposta de liñas de actuación no Consello. Así mesmo, conterá unha proposta de composición da coordinadora". Este é o teor literal do aprobado pola militancia da confluencia no plenario de decembro.

En congruencia con iso, a candidatura Máis Alá, liderada por Luís Villares, apresentou unha proposta concreta de Documento Político. Foi referendada pola maioría das bases e, portanto, pasou a ser texto oficial da confluencia.

E que di o documento a respeito da lideranza orgánica?

Pois basicamente estabelece que -"segundo os acordos do 30X", en alusión á asemblea da confluencia de 30 de xullo de 2016- as "voceirías" teñen que ser "colexiadas, paritarias e rotatorias". "Non terán un sentido xerárquico ou de dirección, simplemente deberán ser unha función, non separada doutras que lle correspondan ás persoas que as detenten, senón complementarias a outras funcións que teñan atribuídas, que exercerá quen lle corresponda por quenda e que quedará conformadas por dúas mulleres e un home", engade o Documento Político disponíbel na web de En Marea.

O Documento Político de Máis Alá estabelecía que segundo os acordos da asemblea constitutiva da confluencia as portavocías teñen que ser "colexiadas, paritarias e rotatorias"

E por se ficaba algunha dúbida, o documento acrecenta: "Os portavoces de En Marea no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados formarán parte, con voz e sen voto, do Consello das Mareas e na Coordenadora, onde non ostentarán ningunha das tres portavocías, que serán ocupadas por dúas mulleres e un home".

É evidente que a decisión adoptada este domingo polo Consello das Mareas viola o contido literal do documento e, portanto, o acceso de Luís Villares á portavocía orgánica da confluencia faise de costas viradas ao votado polas bases na consulta de xaneiro.

Como se chega a esta situación?

Hai que partir da idea de que o Documento Político foi froito dunha solución de compromiso entre os dous blocos que constituíron a candidatura Máis Alá, o que gravita arredor da Marea Atlántica e dos sectores de Podemos referenciados por volta de Antón Gómez-Reino e o que se articula na contorna de Luís Villares, unha corrente significativa de Anova (encabezada polo líder histórico Xosé Manuel Beiras) e a dirección oficial de Podemos na Galiza, con Carmen Santos ao fronte.

O Documento Político foi froito dunha solución de compromiso entre os dous blocos que constituíron a candidatura Máis Alá

Nen Villares nen Beiras aceitaron de facto esa solución de compromiso -a dunha dirección colexiada e plural, un triunvirato con dúas voces femininas e unha masculina- e xa desde os primeiros compases do proceso deixaron ver que aspiraban a que a portavocía non fose coral, senón unipersoal e que recaíse na figura do portavoz do grupo parlamentar.

Na contorna de Villares até se chegou a constituír unha corrente propia, Marea Aberta, cohesionada arredor da postulación do ex xuíz como líder da organización.

A tensión entre dos dous blocos de Máis Alá foi in crescendo durante as últimas semanas, até que estourou hai apenas uns días cando un grupo de militantes tan referenciais como Iago Martínez, Gladys Afonso ou Rafa Dopico asinaron un escrito en que denunciaban o bloqueo do Consello das Mareas -que non se reunía desde o 28 de xaneiro-, demandaban a súa inmediata convocatoria e falaban de "pasividade" e "inacción" pondo indisimuladamente no albo Luís Villares como responsábel dunha sorte de deriva institucionalista da confluencia.

En xaneiro, as candidaturas non só apresentaban un documento político, senón que tamén propuñan ás bases unha lista de once membros para conformar a Coordenadora (executiva). Pois ben, dos 11 membros propostos por Máis Alá só catro fican agora acarón de Luís Villares. Son Victoria Esteban, Xosé Manuel Beiras, Sara Torreiro e Ana Seijas. Os outros sete engrosan agora un novo sector crítico: Gladys Afonso, Iago Martínez, Noemi Prados, Javier Octavio de Toledo, Pedro José Rodríguez, Rafa Dopico e Borja San Ramón.

Dos 11 membros propostos por Máis Alá nas primarias de xaneiro para conformar a executiva só catro fican agora acarón de Luís Villares

Deses 11 nomes só tres estarán finalmente na Coordenadora: Victoria Esteban, Sara Torreiro e Ana Seijas. Beiras non aparece por vontade propia. Os sete críticos fican fóra. Os outros tres nomes de Máis Alá na Executiva serán finalmente Luís Villares -que non estaba na proposta votada polas bases, ao ser incompatíbel en función do documento político da súa propia candidatura-, Gonzalo Rodríguez e Elena Cores.

Completan a dirección Iria Morgade, María Esther Duro e Alfonso Diz -por Somos Quen- e Consuelo Martínez e Mario López Rico -por Queremos Participar.

A Coordenadora respeita así a proporcionalidade pura dos resultados das primarias e fica constituída con 6 membros de Máis Alá (agora todos villaristas), 3 de Somos Quen e 2 de Queremos Participar.

A chave do asunto é que Villares podía romper con parte da súa propia candidatura porque contaba co apoio de Somos Quen e de Queremos Participar. Dito doutro xeito, a ruptura no seo de Máis Alá deu lugar a unha reconfiguración das posicións no seo da dirección arredor de Villares. Este, no canto de apostar en solidificar a súa entente coa Marea Atlántica de Xulio Ferreiro e o Podemos de Antón Gómez-Reino, ollou para SQ e QP. O prezo a pagar, virar en letra morta o votado polas bases.

Villares podía romper con parte da súa propia candidatura porque contaba co apoio de Somos Quen e de Queremos Participar

En todo caso, a situación é moi complexa, os equilibrios, precarios e a evolución a meio e curto prazo, verdadeiramente imprevisíbel. As redes arderon estas últimas horas con declaracións dos críticos a Villares. Rafa Dopico, este mesmo domingo, chegou a afirmar: «O acordo é nulo de pleno dereito e o que se aprobou é ilexítimo».

O Consello das Mareas aprobou o nomeamento de Villares -e consecuentemente a desestimación do documento votado polas bases no que atinxe á elección da portavocía- por 18 votos a favor e 2 abstencións (a de Villares e a de Beiras). As e os críticos optaron por non votar. O seu portavoz, Rafa Dopico, alegou que tiñan dúbidas sobre a lexitimidade da decisión, mais que preferían non bloquear o funcionamento do órgao.